O grupo de teatro da residencia Bal y Gay realizará o xoves unha performance na praza Maior como presentación

O grupo de teatro da Residencia Bal y Gay realizará este xoves, ás 20:30 horas, a súa primeira actuación de cara ao público. Será na praza Maior, onde realizarán unha performance co título ‘Onde está o sombreiro?’ que ten unha duración de preto de 15 minutos.
Este grupo formouse con nove estudantes da residencia, seis mozos e tres mozas. Seis deles son estudantes galegos, un do País Vasco, outro de Turquía e o último de Tayikistán. O grupo está dirixido por Laura García Recio, que pertence ao elenco da Compañía de Teatro da USC-Campus de Lugo.
Esta actuación servirá de presentación do grupo e de promoción do Festival Internacional de Teatro Universitario que se está a celebrar estes días en Lugo. De feito, este xoves non haberá representación e estas retomaranse o venres para rematar o luns día 7.