Pasar al contenido principal

A Fundación Caixa Galicia renova a colaboración coa USC para o desenvolvemento do PETIC, Uniemprende e os estudos de posgrao e formación continua

De esquerda a dereira, o profesor García Iglesias, o vicerreitor Vázquez Taín, o reitor Senén Barro e José Luis Méndez
De esquerda a dereira, o profesor García Iglesias, o vicerreitor Vázquez Taín, o reitor Senén Barro e José Luis Méndez
Acordan ademais continuar na USC co labor da Cátedra Fundación Caixa Galicia de Economía e Finanzas creada en 2006

A Fundación Caixa Galicia-Claudio San Martín renovou a súa colaboración coa Universidade de Santiago en eidos específicos como o Plan Estratéxico das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (PETIC), o Programa de Creación de Empresas da USC (Uniemprende) ou os programas de estudos de Posgrao e Formación Continua. Para financiar estas actividades a entidade bancaria fai unha achega económica á USC de 601.012 euros.
O novo acordo, establecido con carácter retroactivo para o bienio 2007-2008, formalizouse este mércores en San Xerome coa sinatura do correspondente convenio por parte do reitor Senén Barro e do vicepresidente da Fundación Caixa Galicia, José Luis Méndez.
Do total que a entidade bancaria achegará á USC, 521.000 euros destinaranse ao financiamento de actividades nos eidos do PETIC, Umiemprende e Programas de Estudos de Posgrao e de Formación Continua. Concretamente, as actividades a desenvolver no Programa Uniemprende refírense ao apoio ao Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC e a un curso para emprendedores universitarios no que se impartirán coñecementos de técnicas de estudo de mercado e aproximacións á viabilidade dunha idea empresarial.
No que respecta aos programas de estudos, a colaboración establécese no apoio ao IV Ciclo Universitario e no spin-off para promoción de novos cursos de posgrao, mentres que na área das novas tecnoloxías o convenio regula a realización de xornadas, seminarios e accións de difusión de TIC impulsadas pola USC e a participación noutras xurdidas desde a Fundación.
Cátedra de Economía e FinanzasO convenio asinado acorda ademais continuar na USC co labor da Cátedra Fundación Caixa Galicia de Economía e Finanzas creada en 2006 co obxecto de promocionar a investigación e a docencia, prestando especial atención ao que sexa de relevancia para a economía galega.
As actividades desta Cátedra son coordinadas e realizadas a través do Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF) da Fundación Caixa Galicia, para o que esta lle destinará un total de 80.000 euros.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.01.2008.