Pasar al contenido principal

Grupos de teatro de pobos e vilas galegas actuarán na USC

De esquerda a dereita, Xesús Rodríguez, Xavier Campos, Elias J. Torres e Lois Ferradás
De esquerda a dereita, Xesús Rodríguez, Xavier Campos, Elias J. Torres e Lois Ferradás
O Ciclo de Teatro (é) Educación celebrarase os días 2, 8, 15 e 22 na Facultade de Filoloxía

Mostrar as manifestacións teatrais que se desenvolven nas aldeas e vilas galegas é un dos obxectivos principais do Ciclo de Teatro (é) Educación que terá lugar na Facultade de Filoloxía da USC os días 2, 8, 15 e 22. A iniciativa, organizada pola Facultade de Ciencias da Educación xunto coa Vicerreitoría de Cultura, tamén será espazo de debate sobre a importancia do teatro na vida local e comunitaria de Galicia e como instrumento de innovación educativa.
O evento presentouse este martes no Colexio de San Xerome nun acto ao que asistiron o vicerreitor de Cultura, Elias J. Torres; o coordinador do Plan Galego das Artes Escénicas da Consellaría de Cultura, Xavier Campos; o decano de Ciencias da Educación, Lois Ferradás; e o vicedecano do mesmo centro, Xesús Rodríguez.
Na reunión, Elias J. Torres destacou a importancia do teatro popular na nosa sociedade tanto dende o punto de vista histórico como actual e o decano resaltou a súa relación coa educación advertindo que “noutros lugares xa se usa como ferramenta pedagóxica”.
Pola súa banda, Xavier Campos falou do papel dos cidadáns como protagonistas dos actos culturais que se desenvolven en Galicia e non só como receptores pasivos, “filosofía que se persegue” co proxecto que coordina.
O vicedecano lembrou outros fins do Ciclo Teatro (é) Educación como crear canles de comunicación entre as distintas agrupacións, analizar os proxectos teatrais desenvoltos en Galicia, achegar a realidade teatral aos estudantes e fomentar as actuacións artísticas no colectivo universitario como actividades de lecer e formación.
Representacións e conferenciasO evento comezará este mércores 2 ás 20:30 horas co relatorio ‘O teatro. Un soño e unha conquista do pobo’ do membro do Grupo Andaravía, Antonio Vázquez Turnes. Despois, ás 22:00 horas, a súa compañía representará ‘Metus extremus’.
As seguintes xornadas seguirán o mesmo horario. Deste xeito, a sesión do martes 8 abrirá cunha conferencia do director de ‘O Bordelo’, Francisco Piñeiro, sobre teatro popular e o seu grupo presentará ‘O Mariñán’.
Da cuestión sobre a vida sen teatro falará o director de ‘Charetadas’, Xosé Manuel Felpeto, o martes 15, a quen lle seguirá a representación de ‘Os vellos non deben namorarse’. A última sesión acollerá unha charla sobre a relación entre teatro e educación das directoras do grupo da Facultade de Ciencias da Educación en 2006-07 e 2007-08, Estefanía Pena e María Ordoñez, respectivamente. Logo, os actores do centro representarán a obra ‘AMOR triscos: cousas que dicirnos’.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.04.2008.