Pasar al contenido principal

Presentada en Madrid a Memoria de Responsabilidade Social da USC correspondente a 2005

O reitor da USC, Senén Barro, presentou este luns 14 en Madrid a Memoria de Responsabilidade Social da USC correspondente ao ano 2005. No acto, que celebrou na Casa de Galicia en Madrid, interviron ademais o presidente da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE), Ángel Gabilondo; o director corporativo de Relacións Institucionais e Responsabilidade Social Corporativa de Fundosa, Miguel Sagarra; e o director da Casa de Galicia, Alfonso Palomares.
A Memoria de Responsabilidade Social da USC, terceira que a universidade edita dende o ano 2003, é o documento a través do que a institución compostelá rende contas das actividades desenvolvidas ao longo do ano 2005 tanto no relativo á docencia, como á investigación, o emprendemento ou o desenvolvemento sostible entre outros.
Na presentación realizada na Casa de Galicia, Senén Barro definiu a Responsabilidade Social da Universidade como unha política de compromiso ético no desempeño das súas responsabilidades por parte da comunidade universitaria (estudantes, PAS e PDI) “a través da xestión dos impactos educativo, cognitivo, laboral, e ambiental que a universidade xera nun diálogo participativo coa sociedade para promover o Desenvolvemento Sostible”.
Barro, que fixo alusión a algúns dos indicadores contidos no documento presentado, considera que a responsabilidade social dunha universidade “fai alusión á relación existente entre o traballo realizado e o que a sociedade agarda da institución”.
Pola súa banda, Ángel Gabilondo lembrou que a da USC foi a primeira memoria destas características elaborada por unha universidade española e das primeiras de Europa segundo a metodoloxía Global Reporting Initiative (GRI). O presidente da CRUE indicou ademais que a Memoria reflicte a vontade da Universidade de Santiago por xuntar coñecemento e liderado ao servizo da sociedade.
Para Gabilondo, a fonda transformación que sofre a Universidade fai necesario revisar a maneira en que se realiza esta rendición de contas para transmitir á sociedade de xeito sinxelo e comprensible o que as institucións académicas son, que fan e que responsabilidade social teñen.
A MemoriaA terceira memoria de Responsabilidade Social da USC aborda varios ámbitos de aplicación, tales como o tecnolóxico, demográfico, económico, cultural, social, educativo, urbanístico ou político. Para o seu desenvolvemento estrutúrase seguindo un modelo de ampla difusión ao redor de tres grandes eixos temáticos, os relativos ao compromiso social, ambiental e de desenvolvemento económico.
Articulado en oito grandes áreas, cada capítulo deste documento reflicte, por medio de feitos relevantes e indicadores, a capacidade de xestión e o potencial de desenvolvemento da USC nestas áreas. Concretamente as áreas citadas son docencia e oferta académica; fomento da investigación e novas tecnoloxías; un entorno para facilitar a aprendizaxe; rendemento da xestión económica; a USC como creadora de valor socioeconómico; a aposta polas persoas: a USC e as súas traballadoras e traballadores; unha USC aberta e sensible ás necesidades sociais; e o compromiso co desenvolvemento sostible e o comportamento ambiental.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.01.2008.