Pasar al contenido principal

O Consello de Goberno da USC celebra este venres unha xuntanza ordinaria no Colexio de San Xerome

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago celebrará este venres 30 unha xuntanza ordinaria que se vai desenvolver no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome a partir das 9:30 horas.
Entre os asuntos a abordar, o Consello tratará a convocatoria de prazas de aloxamento do Servizo Universitario de Residencias (SUR) para o curso 2008-2009, así como as de verán, a actualización de prezos de aloxamento para visitantes e congresistas e a convocatoria de bolsas de comedor deste servizo para o vindeiro curso.
Na xuntanza tamén se someterá a aprobación o límite de prazas dos Programas Oficiais de Posgrao (POP), o procedemento de admisión e matrícula nestes programas para 2008-2009, a modificación de plans de estudo de diversos POP e a convocatoria dunha praza de profesor asociado do programa oficial de Turismo. Ademais, analizarase o procedemento de tramitación de títulos de grao, másteres e de programas de doutoramento.
A orde do día da xuntanza tamén inclúe a análise dun código de conduta das universidades en materia de cooperación e desenvolvemento, a convocatoria de axudas para o desenvolvemento de accións de mellora da docencia no marco do EEES 2008, o plan de formación do Persoal de Administración e Servizos para o período 2008-2010, a convocatoria da Escola Infantil Breogán para o vindeiro curso, a normativa de práctica en empresas, o calendario de estudos de doutoramento e de actas do Terceiro Ciclo, e a relación de novos cursos de posgrao propio.
Outros asuntos a tratar polo órgano colexiado serán a modificación da axuda á produción científica, os custes indirectos asociados a contratos e convenios, a aprobación do modelo tipo de contratos e convenios de investigación, a modalidade de ocupación e tarifas do edificio Nexus, a ratificación do calendario da convocatoria de prazas de PDI, comisións de servizo e a aprobación dos acordos de interese mutuo entre a USC e os Departamentos, entre outros puntos da orde do día.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.05.2008.