Pasar al contenido principal

O guitarrista Marcos Teira actúa o xoves en Veterinaria dentro da programación de Lugo Cultural

O Convenio Lugo Cultural, do que forman parte a USC, o Concello, a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial e a Fundación Caixa Galicia, continuará a súa programación de maio co concerto do guitarrista Marcos Teira.
A actuación terá lugar o xoves 22, ás 21:00 horas, no Auditorio da Facultade de Veterinaria, onde presentará o seu último disco, ‘Alí’, no que a guitarra flamenca é a base sobre a que constrúe a súa música, con distintas influenzas e coa colaboración de músicos galegos, granadinos e arxelinos.
Marcos Teira, natural de Pobra do Caramiñal, compaxina as dúas facetas de compositor e guitarrista na súa carreira en solitario e coa colaboración en concertos e traballos discográficos con diversos artistas e formacións como Uxía, Rodríguez Romaní ou Xosé M. Budiño, entre outros.
Na actualidade desenvolve a súa actividade como músico en Narf, Marful e Ulo Trío? ademais da súa carreira en solitario, que deu comezo no 2003 co traballo ‘Punta de Cabío’.
Este concerto englóbase dentro do ciclo Lubicán, polo que todos os cuartos xoves dos meses lectivos haberá unha actuación musical. Por esta razón, as actuación musicais continuarán no mes de outubro, concretamente o día 23, con Trío Mala Herba, na Escola Universitaria de Formación do Profesorado.
Outras actuaciónsA programación musical de maio continuará os días 27 e 28, con dous concertos do Grupo de Creación Musical da Vicerreitoría de Cultura. Serán no Círculo das Artes, ás 20:30 horas, e levan por título ‘A música e o entorno’, dedicado aos compositores Luc Ferrari e Robert Murray Schafer.
O grupo está dirixido por María Inmaculada Cárdenas. A sección electroacústica é responsabilidade de Arturo Vaquero e a vocal de Mónica Álvarez. O programa consta de catro novas composicións propias: ‘Paisaxes sonoras imaxinarias’, ‘Paseo sonoro pola Muralla’, ‘As señoritas de Carabanchel’ e ‘Ensaio’.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.05.2008.