Remata o ciclo de charlas sobre a historia de Lugo cunha conferencia de Antonio Prado Gómez sobre a etapa do Liberalismo
O doutor en Historia Contemporánea Antonio Prado Gómez pechará este xoves 8 o ciclo de conferencias sobre a historia de Lugo, organizadas pola Asociación IV Ciclo Universitario do Campus lugués e nas que se presentaron por separado catro momentos cruciais do pasado da cidade que serviron para forxar o perfil do Lugo de hoxe en día.
A charla de mañá estará a cargo de Antonio Prado Gómez e leva por título ‘O Lugo do Liberalismo’. Nela falará dos cambios que supuxo para Lugo a conformación do Estado liberal, tanto no panorama urbano como no ámbito administrativo e político, nas estruturas económicas e nos aspectos sociais e culturais. Unha análise da época ofrece unha distancia substancial co Lugo de cen anos antes.
Antonio Prado Gómez é doutor en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela e catedrático de Xeografía e Historia dende 1980, exercendo como tal no Instituto Lucus Augusti. As súas preferencias no campo da investigación céntranse na historia da administración e da educación decimonónicas. Ten varias publicacións particulares sobre a época, pero destaca tamén o seu traballo colectivo na elaboración de libros de texto e materiais para COU e 2º de Bacharelato.
A charla terá lugar, como as anteriores, no Salón de Actos da Escola de Formación do Profesorado, ás 19:30 horas da tarde. A entrada ás mesmas é gratuíta e libre para todos os alumnos da USC e o público en xeral.
O ciclo está coordinado polo profesor Carlos Baliñas Pérez. Todos os conferenciantes son doutores pola USC e colaboradores con esta institución, aínda que só dous, Rodríguez Colmenero e Sobrado Correa, exercen actualmente como profesores da USC.