Pasar al contenido principal

A Facultade de Matemáticas abre a convocatoria 2008 de ESTALMAT-Galicia na procura de talentos matemáticos

Nenos e nenas de 12 e 13 anos pódense inscribir ata o 27 de maio para a proba de selección que terá lugar o día 31 na Facultade

A Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago acaba de abrir a convocatoria 2008 do Proxecto ESTALMAT-Galicia para a detección e estímulo do talento en matemáticas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. ESTALMAT-Galicia forma parte do Proxecto ESTALMAT-España e conta co aval científico da Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales e o patrocinio económico da Fundación Vodafone España, do CSIC, o Proxecto Ingenio-Mathematica, a Deputación da Coruña e a Obra Social Caixa Galicia.
O comité organizador e académico, presidido polo decano da Facultade Juan Viaño e coordinado pola profesora Mercedes Feijoo (IES Elviña), está formado por doce profesores de matemáticas do ensino medio e das tres universidades galegas, e conta co asesoramento da Unidade de Estudo e Investigación da Superdotación da Facultade de Psicoloxía da USC.
ESTALMATO funcionamento básico de ESTALMAT consiste en seleccionar alumnos -mediante unha proba que pretende detectar aptitudes matemáticas avanzadas- e impartirlles clases adaptadas ao desenvolvemento do seu talento. Estas clases desenvolveranse na Facultade, nas mañás dos sábados durante dous cursos académicos consecutivos (24 sábados cada curso) por un equipo docente de 25 profesores de recoñecida competencia e especialmente formados para este cometido. O curso iníciase cun campamento matemático e hai programadas tamén xornadas virtuais e concursos conxuntos con proxectos ESTALMAT doutras comunidades autónomas.
Non se trata de adiantar aos alumnos en contidos matemáticos do seu currículo escolar senón, pola contra, desenvolver aspectos que permitan axudar a pensar en matemáticas, resolver problemas e, en definitiva, “pasalo ben ao tempo que se detecta e canaliza o talento matemático para mellor proveito da sociedade”, explica Juan Viaño. Trátase de detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento que, en moitos casos, poden “pasar inadvertidos ou quedar desatendidos” nas esferas normais do ensino e da familia.
Convocatoria 2008A realización da proba de selección de ESTALMAT-Galicia 2008 terá lugar o vindeiro 31 de maio ás 10 horas na Facultade de Matemáticas da USC. A proba -consistente nun exame de aptitude e un test psicométrico- estará a cargo do comité organizador e académico. Despois da súa corrección, os rapaces preseleccionados e os seus pais e titores serán convocados de novo a unha entrevista persoal, na que deberán adquirir o compromiso de levalos e recollelos ao lugar onde se realicen as clases e actividades. A este respecto, o comité organizador está a xestionar a posibilidade de ofrecer bolsas de viaxe para axuda nos desprazamentos.
A convocatoria foi xa enviada a todos os centros de Galicia, co fin de que os pais ou profesores que detecten no seu entorno rapaces con especial capacidade para as matemáticas, nacidos en 1995 ou 1996 e que desexen participar nas probas de selección para o vindeiro curso, os inscriban antes do 27 de maio cubrindo un formulario electrónico na páxina web do proxecto ou enviando por fax (981597054) o documento que se ten remitido aos centros nestes días.
209 rapaces na convocatoria de 2007O pasado ano, e a pesares de ser a primeira vez que se convocaba en Galicia, un total de 209 rapaces de toda Galicia participaron nas probas de selección, dos que 123 eran da provincia da Coruña, 17 de Lugo, 10 de Ourense e 59 de Pontevedra. Deles foron seleccionados os 25 rapaces e rapazas -13 da Coruña, 2 de Lugo, 1 de Ourense e 9 de Pontevedra-­ que forman a primeira promoción de ESTALMAT-Galicia e que está a piques de rematar o seu primeiro ano de actividades.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.05.2008.