Pasar al contenido principal

A USC ofrecerá o próximo curso no Campus de Lugo o POP en Industrias Leiteiras

A Universidade de Santiago de Compostela ofrecerá o próximo curso académico en Lugo o Programa Oficial de Posgrao en Industrias Leiteiras, posto en marcha en colaboración coa Universidade Agrocampus Rennes, e que outorgará aos participantes o título de Máster en Industria e Economía Leiteira.
Este novo POP foi presentado este xoves na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo por parte do vicerreitor, Carlos Herrero, e do responsable do programa francés, Romain Jeantet. Tamén estiveron presentes representantes das institucións que colaboran economicamente con este proxecto. Por parte da Deputación Provincial estivo Regina Polín, delegada da área de Economía e Facenda, e por parte da Xunta o delegado provincial de Innovación e Industria, Ramón Cortés, e o director xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal da Consellaría de Medio Rural, Gonzalo Flores Calvete. Tamén estiveron os representantes de dúas empresas do sector que colaboran tamén coa posta en marcha desta iniciativa académica, Ramón Moraga e Francisco Cordero, por parte de CAPSA, e Olivier Sainte, de Lactalis.
Segundo explicaron os organizadores, este POP responde ás esixencias da industria láctea, sector no que a innovación e a transferencia de coñecemento é vital para o seu desenvolvemento e competencia a nivel estatal e europeo, polo que o obxectivo do programa é dar formación especializada neste campo. Subliñaron tamén que Galicia supón o lugar adecuado para esta materia xa que resposta a unha demanda real do sector. De feito, Galicia supón máis do 35% da produción láctea total do país, pero existe un forte desequilibro entre a produción e a transformación, polo que a innovación na industria é fundamental. Moitas das empresas manifestaron xa o seu interese en colaborar co programa recibindo aos estudantes en prácticas.
En Lugo colaboran neste máster tres centros, a Facultade de Ciencias, a Escola Politécnica Superior e a Aula de Produtos Lácteos. As titulacións de Enxeñeiro Técnico Agrícola na especialidade de Industrias Agrarias e Alimentarias, a de Enxeñeiro Agrónomo na orientación de Industrias Agroalimentarias e a licenciatura en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos é o estudantado ao que vai dirixido, aínda que está aberto a todas as titulacións afíns do sector.
O máster estruturarase en catro módulos distribuídos ao longo de dous anos, cursando un total de 120 ECTS. Os bloques de estudo centraranse na orixe e caracterización da materia prima, na tecnoloxía do leite e os produtos lácteos, a calidade e a seguridade alimentaria e a planificación, xestión e comercialización.
Os módulos teóricos complementaranse con outras actividades pedagóxicas como o estudo dunha lingua, que pode ser o inglés ou o francés en Lugo e o español ou inglés en Rennes. Os alumnos realizarán tamén unha estadía dun mes ao finalizar o primeiro módulo nunha explotación, nunha empresa ou nun laboratorio. O período teórico rematará cunha estadía de tres meses nunha empresa, para rematar o programa coa elaboración e defensa oral dun proxecto ou traballo.
Este Programa Oficial de Posgrao conta coa participación de máis de 80 profesores de distintas disciplinas enmarcadas na actividade de 21 departamentos da Universidade de Santiago de Compostela e do Departement Agroalimentaire do Agrocampus Rennes.
Tanto a USC como o centro francés contan con diferentes grupos de investigación punteiros que levan desenvolvendo proxectos que van dende a investigación básica ata os estudos máis aplicados a este sector produtivo.
Agrocampus Rennes, ou Instituto Nacional de Ensinanza Superior e de Investigación Agronómica e Agroalimentaria de Rennes, foi creado en xaneiro de 2004 para reagrupar a Escola Nacional Superior de Agronomía de Rennes (ENSAR), ao Instituto Nacional Superior de Formación Agroalimentaria (INSFA) e ao Instituto de Estudos Superiores de Industria e Economía Leiteiras.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.05.2008.