Pasar al contenido principal

A mobilidade internacional de estudantes na USC medra un seis por cento este curso

A Universidade de Santiago de Compostela experimentou un crecemento superior ao seis por cento con respecto ao curso 2006-2007 no número de alumnos atendidos dende a súa Oficina de Relacións Exteriores dependente da Vicerreitoría de Relacións Institucionais.
Durante o ano académico 2007-2008 da USC enviáronse 198 alumnos a outras universidades españolas, 452 aos países da Unión Europea e 116 a universidades do resto do mundo, cifras que confirman a tendencia crecente de participación dos estudantes en programas internacionais de mobilidade, en consonancia coa aposta da USC polos procesos de internacionalización do ensino superior.
Cabe destacar ademais a acollida de máis de 1.200 alumnos doutras universidades que están a cursar unha parte dos seus estudos na institución docente compostelá, consolidando a súa posición como universidade de referencia no espazo universitario global.
Os responsables da USC valoran moi positivamente o elevado grao de participación dos estudantes. “A experiencia internacional dos futuros titulados da USC constitúe un valor engadido á hora de garantir a súa inserción no mercado laboral”, explican. A participación dos estudantes nestes programas supón “unha mostra de aptitudes cada vez máis valoradas” como son a súa capacidade de comunicación e cooperación, a adaptación e comprensión doutras culturas, a mobilidade xeográfica e o coñecemento de idiomas.
Programa Xan de ForcadosAos programas xa existentes no ámbito da Unión Europea (Sicue/Séneca e Erasmus) para fomentar o intercambio de alumnos, a USC incorporou este ano o Programa Xeral de Mobilidade Xan de Forcados 2008-2010 que engloba, entre outros, os programas por convenio bilateral con universidades de América, Asia e Australia, o programa Suíza e o ISEP cos Estados Unidos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.05.2008.