Pasar al contenido principal

Inaugurada a exposición bibliográfica e documental '50 anos da Licenciatura de Matemáticas'

Permanecerá aberta na Facultade ata o 24 de xullo

Coa inauguración da exposición bibliográfica e documental ‘50 Aniversario da Licenciatura de Matemáticas na Universidade de Santiago de Compostela’, a Facultade entrou na semana grande dos actos conmemorativos do 50 aniversario da implantación destes estudos na USC e o 30 aniversario da creación da Facultade que se instituíu como tal no curso 1977-78.
A mostra pretende facer unha lembranza histórica da creación da Licenciatura e os feitos máis importantes destes 50 anos para que sirva así de homenaxe e recoñecemento a todos os que teñen contribuído a colocar a Facultade no destacado lugar que ocupa hoxe.
A exposición, coordinada polo decano da Facultade, Juan Viaño, consta de tres seccións. A primeira, da que é comisario o profesor José Docobo, leva por título ‘Os estudos de Matemáticas na USC’ e pretende facer un percorrido histórico pola creación e a evolución dos estudos de Matemáticas na USC. Colaboraron os profesores Regina Castro, Luis Cordero, Iván Fernández e Felipe Gago.
A segunda, ‘Fondos de Matemáticas na Biblioteca da USC’, amosa unha escolma dos fondos bibliográficos da Biblioteca Universitaria da USC relacionados coas Matemáticas e unha revisión dos datos da produción científica da Facultade nos 50 anos. O comisario responsable é o profesor Luis Cordero, que contou coa colaboración das funcionarias da Biblioteca Rosa Bassave e Ana Portugués e o profesor José Docobo.
Finalmente, a terceira sección está organizada por Luis Cachafeiro coa colaboración de José Carpente, Margarita Losada e Francisco Rodríguez, todos eles profesores de Matemáticas no ensino medio. Baixo o título ‘50-5 Anos de docentes en Matemáticas formados na USC’ procura unha visión retrospectiva respecto dos cambios na docencia das Matemáticas desde a perspectiva do profesorado do Ensino Medio.
Programa de visitasA mostra poderá ser visitada no propio centro ata o 24 de xullo en horario de 9 a 21 horas. Está previsto tamén un programa de visitas en grupo que poden ser solicitadas na Secretaría do Decanato (telf. 981528003 ou no enderezo electrónico zmatdca [at] usc.es (zmatdca[at]usc[dot]es)).
Colaboraron na montaxe como patrocinadores a Dirección Xeral de Turismo, a Deputación da Coruña, a Obra Social de Caixa Galica e a Vicerreitoría de Cultura da USC, ademais de numerosas persoas, entidades e centros de educación.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.05.2008.