A USC homenaxea a Gonzalo Anaya, o 'último mestre da República'

“O que hai que facer é axudar a crecer en liberdade, axudar aos ‘pequerrechos’ a ser o que queiran ser e, sobre todo, amalos e ser feliz facéndoo” afirmaba Gonzalo Anaya Santos, o ‘último mestre da República’ e catedrático de Filosofía da Escola de Maxisterio da Universidade de Santiago entre 1953 e 1973. Anaya Santos recibiu este martes unha homenaxe a título póstumo, na que se lle impuxo a Insignia de Ouro da USC e se presentou a obra conmemorativo La esencia del cine. Teoría de las estructuras.
A imposición celebrouse no Paraninfo da Universidade na Facultade de Xeografía e Historia presidida polo reitor da USC, Senén Barro, que estivo acompañado polo seu homólogo da Universidade de Valencia, Francisco Tomás Vert, e polo vicerreitor de Cultura, Elías Torres. Ao acto asistiron ademais a conselleira de Educación da Xunta de Galicia, Laura Sánchez Piñón, e o seu homólogo asturiano, José L. Iglesias; os seus fillos; os profesores da institución universitaria valenciana, Jaume Martínez Bonafé e Josep Martínez Bisbal; e os profesores Jesús Alonso Montero, Antón Costa, Blanca Caamaño, Aurora Marco e Ezequiel Méndez, que trazaron unha semblanza do homenaxeado.
Gonzalo Anaya exerceu a docencia ata o seu falecemento en xuño deste mesmo ano, polo que está considerado o último mestre da República, que é precisamente como lle gustaba autodefinirse. O seu discurso educativo reivindicaba unha “ensinanza educativa”, coherente co precepto constitucional e fundamentada na proclamación dos Dereitos Humanos.
O recoñecemento da USC sumarase a outras distincións das que Gonzalo Anaya era merecedor como a Medalla de Prata ao Mérito no Traballo ou a Medalla da Universidade de Valencia.
A obraA obra homenaxe editada pola USC para esta ocasión toma o seu nome do título da tese de doutoramento defendida por Anaya no ano 1967, La esencia del cine. Teoría de las estructuras. O volume, segundo o prologuista Ezequiel Méndez, é un intento por afondar “nunha das buscas teóricas máis frecuentes na historiografía cinematográfica, o específico fílmico”.
O traballo de doutoramento de Anaya profundaba, logo dunha parte introdutoria, nas denominadas cinco estruturas do cinema, a comunicativa, a espectacular, a dramática, a representativa e a especificamente cinematográfica. A edición presentada é un percorrido por catro delas, excluíndo a dramática, “por estar recollida, se ben menos elaborada, en diferentes traballos do homenaxeado”, aclara Méndez.
Á vista deste tramado de estruturas, Ezequiel Méndez, tomando como referencia a reflexión de Gonzalo Anaya, entende que “o cinema é un espectáculo dramático representativo que mostra, mediante a perspectiva móbil, as presenzas sen suxeito en movemento”.
Gonzalo AnayaGonzalo Anaya Santos (1914-2008) licénciase en Filosofía en 1942 para posteriormente, entre 1948 e 1950 exercer de profesor en Valencia impartindo clases de grego nun centro de ensino secundario. Con anterioridade foi mestre rural durante a segunda República vinculado ao sindicato UGT ata o fin da guerra civil. A súa vinculación sindical valeulle unha sanción da Comisión Depuradora franquista que o “destina” a Cañizar de Amaya (Burgos), onde residirá ata 1942.
En 1953 gaña a Cátedra de Filosofía da Escola de Maxisterio da USC, sendo nomeado un ano despois catedrático de Filosofía do Instituto Rosalía de Castro de Santiago. En 1961 diplómase en Psicoloxía e Psicotécnica pola Complutense de Madrid para seis anos despois doutorarse en Filosofía coa tese La esencia del cine. Teoría de las estructuras.
Logo de dúas décadas na institución académica compostelá obtén a cátedra de Filosofía da Escola de Maxisterio da Universidade de Valencia. En 1985 é nomeado emérito, condición que manterá ata o ano 2002. Despois desta data impartirá regularmente docencia a alumnos de doutoramento no curso ‘Educación e democracia’ que el mesmo promoveu.
Considerado un dos principais impulsores da renovación pedagóxica en España, compaxinou o maxisterio e a docencia universitaria coa publicación de libros e artigos, ademais de representar ao Ministerio de Educación en reunións internacionais da OCDE-CERI e de colaborar nas investigacións do INCIE.
A preocupación polo feito cinemátográfico, en paralelo coa súa vocación educativa xa se remonta ao ano 1943 e manifestáronse ao redor de múltiples colaboracións en publicacións periódicas da época, o que lle permitiu poñer en sintonía a súa condición de docente, pedagogo e cinéfilo.