Pasar al contenido principal

O Instituto de Matemáticas celebra o centenario do nacemento do profesor Enrique Vidal Abascal

Recoñecidos expertos debaten sobre o papel de Galicia na investigación matemática europea

O presente ano 2008 cúmprese o primeiro centenario do nacemento de Enrique Vidal Abascal (Oviedo, 1908 - Santiago de Compostela, 1994), considerado o pioneiro no aperturismo da investigación matemática na universidade galega á comunidade científica internacional, en especial á europea. Promotor da Real Academia das Ciencias de Galicia, foi director do Seminario de Estudos Matemáticos de Santiago entre 1967 e 1978.
O Instituto de Matemáticas da USC quere conmemorar esta data cunha xornada este venres 28 na que nomeados expertos internacionais debaterán no Centro de Estudos Avanzados sobre o papel de Galicia na investigación matemática europea. Coordina o encontro Manuel de León, membro da executiva da Unión Matemática Internacional, do Consejo Superior de Investigaciones Científicas e da Real Academia de Ciencias.
A sesión comezará ás 9:00 horas e estruturarase en tres bloques diferenciados. Un primeiro sobre a formación matemática de investigadores e tecnólogos, un segundo sobre as matemáticas e a industria na Área Europea de Investigación (ERA) e un último sobre as novas infraestruturas para as Matemáticas en España e Galicia.
Participarán o director executivo da Sociedade Matemática Americana e de ‘Math for America’ in 2009, John Ewing; o presidente da Sociedade Matemática Europea, Ari Laptev; o director xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do Sistema Universitario de Galicia, Rogelio Conde-Pumpido; o director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Salustiano Mato; o director do Instituto de Matemáticas, Juan José Nieto; o decano da Facultade de Matemáticas, Juan Viaño; o profesor da USC Alfredo Bermúdez de Castro; e o profesor e membro da Real Academia Galega de Ciencias, Luis Ángel Cordero.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.11.2008.