A artista brasileira Christina Oiticica desenterra este mércores parte da súa obra no patio da Facultade de Xeografía e Historia
A artista brasileira Christina Oiticica (Rio de Janeiro en 1951) volverá este mércores a Compostela para desenterrar a obra que en xuño deste ano ocultou no patio da Facultade de Xeografía e Historia como parte dun proxecto de ‘land art’ que se poderá visitar en maio de 2009 na Igrexa da Universidade baixo o título Camiño Peregrino, unhaprodución conxunta da Vicerreitoría de Cultura da USC e a Fundación Via Galego.
Christina Oiticia, muller do escritor Paulo Coelho, é pioneira en aplicar unha particular técnica nas súas obras, combinando land art e pintura. Así foi como no mes de xuño improvisou unha obra con imprimacións de pintura e pos “en cores azul e amarelo, as cores do Camiño” sobre unha placa de cobre que logo estampou sobre un lenzo. Será este mércores, ás 12:00 horas, cando a desenterre para comprobar a “pegada visible e invisible que deixa a natureza nas obras”, como manifestou a pintora.
“Pretendo que a enerxía da natureza interveña no traballo e o modifique como a ela máis lle conveña”, afirmou na súa primeira visita a Santiago, ao tempo que compartía a “grande emoción” que sinte cando desenterra as obras. “Ás veces, polo efecto da propia natureza, nunca aparecen”, comentou.
A estas dúas obras sumaranse en maio de 2009 as restantes que Christina Oiticica está a realizar en ruta polo Camiño de Santiago e que previsiblemente rematará en breve en Fisterra.
Christina OiticiaFormada na Escola de Belas Artes e no Museo de Arte Moderna de Río de Janeiro, Oiticica completou a súa formación na Facultade de Arquitectura Bennett da mesma cidade e no Círculo de Belas Artes de Madrid. A autora comezou a expoñer tanto de xeito individual como colectivo en 1984.