Pasar al contenido principal

Clausura da I edición do Curso de Lingua española, introdución á lingua e cultura galegas e Camiño de Santiago

O Curso de Lingua española, introdución á lingua e cultura galegas e Camiño de Santiago, organizada por Cursos Internacionais da USC, clausurarase este venres, día 24 nun acto a celebrar ás 19:30 horas no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia). O acto académico contará coa presenza do vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Máximo Pló, a xerenta de Cursos Internacionais da USC, Lanzada Calatayud, e o coordinador do programa, José M. Andrade.
Esta primeira edición do curso resultou altamente satisfactoria para os quince participantes, que destacaron especialmente a alta cualificación dos docentes, a calidade do aloxamento e a iniciativa innovadora que supón o feito de organizar un curso teórico sobre o Camiño de Santiago coa posibilidade de percorrelo, todo isto no contexto da aprendizaxe da lingua castelá e galega.
O curso incluíu un programa cultural con actividades de diversa índole como unha visita á Catedral e ás cubertas, guiada polo profesor da USC Miguel Taín; un tour gastronómico que lles permitiu coñecer os produtos de Galicia, a cargo do profesor Xavier Castro; e unha tertulia co escritor e xornalista Bieito Iglesias, entre outras.
Ao remate das dúas primeiras semanas na USC, os participantes comezaron unha peregrinaxe polo Camiño Francés acompañados polo profesor de Historia Medieval da USC, José M. Andrade. O 18 de outubro partiron de O Cebreiro e ao longo das seguintes xornadas pasaron por San Xil, Portomarín, Palas de Rei e Rivadiso de Abaixo ata chegar ao Pino, dende onde volveron a Compostela. Ao longo destas seis xornadas aproveitaron para visitar o Mosteiro de Samos e a Muralla de Lugo e coñecer enclaves como Vilar de Donas, o Castelo de Pambre ou Sobrado dos Monxes.
Brasileiros na súa maioríaOs alumnos do curso, dunha media de idade de cincuenta anos, proveñen do Brasil, agás unha participante de Dinamarca, cunha traxectoria profesional todos eles que ten pouco que ver co curso no que se matricularon. Así, formaban o grupo, entre outros, un empresario paulista, unha especialista en neurociruxía de Río de Janeiro, un psiquiatra de Porto Alegre, un enxeñeiro de Recife e unha das fundadoras do festival Rock in Río.
Aínda que todos eles xa foran peregrinos anteriormente, o curso permitiulles afondar no estudo e a análise do Camiño de Santiago dende o punto de vista da súa historia, arte e gastronomía e, á vez, redescubrir os misterios que agachan as terras galegas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.10.2008.