Pasar al contenido principal

Filoloxía acolle un acto conmemorativo do cuarto centenario do nacemento do Padre António Vieira

A Facultade de Filoloxía acollerá este xoves 6 a partir das 12:00 horas un acto conmemorativo do cuarto centenario do nacemento do Padre António Vieira, cualificado por Fernando Pessoa como “o emperador da lingua portuguesa”. Nesta sesión, o historiador, filósofo, crítico literario e escritor Miguel Real falará sobre a figura e obra do orador luso-brasileiro e da recepción do seu legado catrocentos anos despois. Presentarao o profesor de Literatura Portuguesa, Carlos Quiroga.
No mesmo acto presentarase a obra O Padre António Vieira e as Mulheres. O mito barroco do universo feminino, da que son autores o investigador da Universidade de Lisboa José Eduardo Franco e a profesora da USC Mª Isabel Morán Cabanas. O lanzamento na USC chega precedido dunha quenda de presentacións en diversas institucións universitarias portuguesas e brasileiras e logo de ser galardoado co premio Monografía da Sociedade Histórica da Independencia de Portugal.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.11.2008.