Pasar al contenido principal

Representantes da USC participan este días en Aarhus na conferencia internacional da asociación 'European University Information Systems' EUNIS2008

Trátase da cita mais importante, no ámbito europeo e mundial, de reflexión sobre os asuntos vencellados ao desenvolvemento e utilización das TIC nas universidades

Representantes da USC participan entre este mércores 25 e o venres 27 en Aarhus (Dinamarca) na conferencia internacional da asociación ‘European University Information Systems’ EUNIS2008, considerada como a principal asociación europea de sistemas de información en educación superior. Trátase dun foro de encontro de profesionais interesados no desenvolvemento de sistemas de información de alta calidade na ensinanza superior en Europa, así como no intercambio de experiencias con especialistas doutros países europeos para coñecer as últimas novidades neste eido.
A Conferencia Anual de EUNIS é a cita mais importante, no ámbito europeo e mundial, de reflexión sobre os asuntos vencellados ao desenvolvemento e utilización das TIC nas universidades. Os temas que se tratarán na presente edición xirarán ao redor de aspectos relacionados coas estratexias en tecnoloxías da información e xestión, infraestruturas e sistemas integrados, soporte tecnolóxico para a globalización e mobilidade, portais e servizos para estudantes, librarías virtuais e depósitos para a investigación e a docencia, organización e implementación de sistemas e-learning ou ferramentas educacionais e tecnoloxías, entre outros.
Por parte da USC participa na conferencia Manuel Lama, do Departamento de Electrónica e Ciencias da Computación, que presentará o xoves 26 o relatorio ‘Plagiarism detection using software tools: a study in a Computer Science degree’, dentro dun bloque temático dedicado aos procesos de ensino. Ese mesmo día, o director da Área TIC da USC, Javier Franco, moderará a sesión ‘Bolonia, estándares e integración’. Ao día seguinte, Manuel Lama presentará unha nova intervención sobre ‘Service Oriented Architecture to Manage Units of Learning based on the IMS LD specification’ dentro dun bloque no que se debaterán sobre soportes tecnolóxicos para flexibilizar a educación superior.Eunis 2009 na USCNa derradeira xornada, o venres 27, Javier Franco será o encargado de presentar á próxima edición desta conferencia internacional que se vai celebrar en 2009 na USC, converténdose na primeira universidade española que acolla o evento.A elección da Universidade compostelá, pese a existencia previa doutras candidaturas, tivo como referente o compromiso da USC no eido galego, nacional e europeo a prol do impulso e coordinación das políticas universitarias de TIC e a súa presenza activa nos distintos foros dos distintos ámbitos xeográficos. O secretario executivo de Eunis, Martin Price, considera que a celebración na universidade compostelá “permitiría afondar aínda mais os lazos entre EUNIS e as universidades españolas”.
Dende o ano 1995, a Conferencia Anual celebrouse en Inglaterra (Manchester), Alemaña (Dusseldorf e Berlín), Francia (Grenoble), República Checa (Praga), Finlandia (Helsinki), Polonia (Poznan), Portugal (Porto), Holanda (Amsterdam), Eslovenia (Ljubljana), Estonia (Tartu), e finalmente en Dinamarca (Aarhus) na edición deste ano. As súas próximas citas serán Santiago de Compostela (2009) e Varsovia (2010).
A USC foi a primeira universidade española que ingresou en Eunis, aínda que actualmente outras institución universitarias españolas e a propia Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE) forman parte desta asociación que, con sede en París, intenta dar pulo ao desenvolvemento conxunto dos sistemas de información das universidades europeas.
Ademais, a universidade compostelá foi a primeira institución con presenza no Consello (Council) de EUNIS, órgano de goberno do que forma parte desde xuño de 2006 o director da Área TIC da USC, Javier Franco, ao que tamén se sumou un representante da Universidade Politécnica de Valencia en representación de CRUE.
EunisA asociación ‘European University Information Systems’ (EUNIS), da que a USC forma parte dende 2006, fundouse no ano 1993 integrándoa na actualidade máis de 70 membros de 22 países europeos ademais de Israel e Estados Unidos.
A súa meta é alentar o establecemento de vías de comunicación e colaboración entre os responsables dos sistemas de información nas institucións de educación superior, centros de investigación e organizacións afíns no ámbito xeográfico europeo. Ademais, a asociación quere fomentar o establecemento de enlaces cos principais subministradores neste campo así como con organizacións co obxecto de deseñar a axenda estratéxica para os sistemas de información no ensino superior e no eido investigador tanto nos ámbitos estatal coma europeo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.06.2008.