Pasar al contenido principal

A Xerencia da USC pon en marcha unha análise de funcións e de necesidades no ámbito de administración e servizos

Consciente da necesidade de deseñar políticas tomando como referencia a consecución de obxectivos e o emprego eficiente dos recursos nun marco orientado á mellora continua, a Xerencia da USC realizará unha análise de funcións e de necesidades no ámbito de administración e servizos.
O goberno da Universidade asumiu o compromiso de levar a cabo as accións necesarias para avanzar na profesionalización da xestión, redimensionando no que sexa necesario o cadro de persoal deste ámbito. Así, a programación plurianual da institución recolle entre as accións a desenvolver a realización dunha análise dos postos de traballo do ámbito de administración e servizos orientada a diagnosticar a situación actual e un estudo das necesidades reais de xestión que deben ser atendidas cos devanditos recursos, todo isto co propósito de adaptar o cadro de persoal a esas necesidades.
O proxecto abordarase en dúas partes. Dunha banda, a Xerencia recollerá a opinión do persoal de administración e servizos sobre as funcións e a carga de traballo do posto que desempeña por medio dun cuestionario e, doutra, recabará información dos directivos e responsables funcionais sobre as necesidades actuais de xestión nos ámbitos respectivos, co obxecto de identificar posibles disfuncións ou mesmo necesidades non cubertas neste momento.
A Xerencia poñerá en común a información que se derive de ambos estudos e, tras unha análise conxunta dos resultados e das consecuencias organizativas que deles se deriven cos órganos de representación do colectivo, abordaranse os cambios estruturais que corresponda.
Consciente de que un proxecto deste tipo require dun esforzo compartido, os responsables de Xerencia agardan contar coa “participación activa” de todo o persoal directamente afectado e coa colaboración da comunidade universitaria no seu conxunto.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.06.2008.