Máis de 200 expertos e investigadores participan no XI Foro de Recursos Mariños e Acuicultura das Rías Galegas
A Universidade de Santiago colabora no desenvolvemento do XI Foro de Recursos Mariños e Acuicultura das Rías Galegas, que se vai celebrar no Grove os días 9 e 10 coa participación de máis de 200 expertos e investigadores neste eido.
Na cerimonia de inauguración, no Hotel Hesperia Illa da Toxa a partir das 10:00 horas, participan a vicerreitora adxunta de Infraestrutura e Servizos da USC, Celia Besteiro; a directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro da Xunta de Galicia, Fátima Linares; o presidente da Comisión de Pesca da Deputación de Pontevedra, Agustín Reguera; o alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos; o director xerente da Fundación Observatorio Español de Acuicultura (FOESA), Juan Espinosa de los Monteros; o director de La Caixa O Grove, Manuel Alfonso Leiro; e o presidente do Comité Organizador del Foro, Manuel Rey Méndez.
Nesta undécima edición do Foro realizarase unha revisión do avance da acuicultura e a pesca a través de máis de 25 expositores que participarán en cinco mesas de traballo sobre marisqueo e pesca de baixura, acuicultura, empresa e recursos, calidade do produto e biotecnoloxía. A conferencia inaugural do encontro estará a cargo de Xoan Carmona, investigador da Facultade de Ciencias Económicas da USC, quen abordará o tema "As conservas do mar en Galicia".