Comezou o labor dos bolseiros de Sostibilidade nos centros docentes
Por quinto ano consecutivo, preto de trinta estudantes da USC foron seleccionados como bolseiros da convocatoria de Sostibilidade, Participación e Integración Universitaria para este curso 2008-09. A Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible, dependente da Vicerreitoría de Calidade e Planificación, reuniunos a todos eles esta semana por primeira vez na Casa da Balconada.
Na xuntanza presentáronse as persoas encargadas de coordinar o labor dos bolseiros e explicouse a dinámica de traballo a seguir. Así mesmo, tratouse xa a primeira das actividades que os bolseiros van desenvolver, que consistirá nunha mesa informativa da Campaña de Prevención do Tabaquismo na USC e na avaliación do CO expirado no aire.
Estas bolsas teñen como obxectivo fomentar a participación e sensibilización da comunidade universitaria mediante a súa implicación en proxectos ambientais, sociais ou de integración, continuando co traballo iniciado nas anteriores convocatorias. Os bolseiros colaborarán en actividades como a xestión dos puntos verdes para reciclaxe nos centros, a participación en actividades divulgativas para fomentar o uso da bicicleta e a promoción de exposicións relacionadas con temática ambiental e de cursos relacionados con participación ambiental.
Ademais, participan en actividades formativas como seminarios relacionados con pegada ecolóxica, débeda ecolóxica e mobilidade que se organizarán en colaboración coa SGEA (Sociedade Galega de Educación Ambiental) e a FEG (Federación Ecoloxista Galega), e participarán en visitas de campo a instalacións como plantas de reciclaxe de residuos ou de compostaxe de orgánicos.
A iniciativa está programada conxuntamente pola Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible dependente da Vicerreitoría de Calidade e Planificación e polo Servizo de Participación e Integración Universitaria dependente da Vicerreitoría de Comunidade Universitaria e Compromiso Social.
Proxectos desenvolvidos na pasada campañaDurante o pasado curso 2007-08 os bolseiros SPIU colaboraron en campañas divulgativas, auditorías enerxéticas simplificadas en escolas e facultades e mellora da xestión de residuos. Participaron tamén en actividades formativas como a visita á planta de tratamento de residuos de SOGAMA, ao Concello de Guitiriz declarado núcleo de sostibilidade pola Consellaría de Medio Ambiente ou ás instalacións relacionadas coa xestión de enerxía e residuos na USC, entre outras.
Ademais, realizaron intercambios de voluntariado ambiental con estudantes doutras universidades a través de proxectos como a Caravana Universitaria polo Clima e a Rede de Universidades polo Clima, o que lles permitiu enriquecer a súa experiencia tanto profesional coma persoal.