A Rede Emprendia impulsa novos programas de intercambio internacional para promover a cultura emprendedora
Presidida polo reitor da USC Senén Barro, a Rede Universitaria Ibeoramericana de Incubación de Empresas (Rede Emprendia) desenvolve para este ano un conxunto de actuacións destinadas a dinamizar a relación entre universidade e empresa. Entre elas, destacan as medidas para incrementar a mobilidade e o intercambio internacional de profesores, estudantes, titores, asesores empresariais e técnicos entre empresas incubadas ademais de mellorar a preparación e intercambio de ideas entre os profesionais que traballan nelas.
A Rede, composta por doce universidades xunto co Banco Santander e Universia, conta cun plan de acción 2008-2010 analizado recentemente nunha reunión celebrada no Instituto Tecnolóxico de Monterrey, en México. No encontro participou o xerente de Uninova Gustavo Marcos quen presentou propostas sobre a valorización de resultados de investigación e as súas posibilidades para xerar empresas de base tecnolóxica, así como novas liñas de cooperación entre as incubadoras universitarias de Emprendia.
Outros proxectosOutro proxecto incluído no plan é a posta en marcha de landing ou aceleración de empresas cuxa finalidade é lograr que as entidades a incubar podan compartir mercados e acelerar a internacionalización. Cada ano, catro novas empresas se beneficiarán do programa.
Por outra banda, Emprendia creou un portal, xa operativo, que ofrece información sobre os seus obxectivos, membros, actividades e medios. Tamén puxo en marcha unha plataforma de vixilancia e transferencia tecnolóxica, patentes e intelixencia competitiva que permitirá a busca de información referida a noticias, lexislación ou normas técnicas, entre outros datos. Ademais, a Rede está a elaborar un manual de boas prácticas e iniciou un proxecto destinado á publicación dun libro cos indicadores básicos en incubación de empresas.
A Rede EmprendiaFundada a finais de 2006 por iniciativa da USC e a Universidade de Barcelona, Emprendia está integrada por outras dez universidades iberoamericanas que son a de São Paulo, Autónoma de Madrid, Complutense de Madrid, Católica de Chile, Nacional Autónoma de México, de Cantabria, de Coimbra, de Buenos Aires, de Valencia e o Instituto Tecnolóxico de Monterrey.