Pasar al contenido principal

A USC presenta nunhas xornadas da UMAD o seu programa de mediadores xuvenís

O coordinador do Servizo de Participación e Integración Universitaria da Vicerreitoría de Comunidade Universitaria e Compromiso Social da USC, Javier Agrafojo, presenta na tarde deste venres, no palacio de Congresos e Exposicións de Galicia e no transcurso das xornadas municipais sobre drogas da UMAD, o Programa de Mediadores xuvenís da institución universitaria. As xornadas inaugúraas o catedrático da USC Elisardo Becoña cun relatorio sobre os programas de prevención selectiva e indicada.
A USC, como lembrará Agrafojo na súa charla, xa viña actuando en actividades de apoio ao estudante en cuestións relativas a educación sexual, prevención de drogodependencias e hábitos axeitados de alimentación e consumo. Foi o éxito destas accións o que levou aos responsables universitarios a establecer contactos con distintos servizos e unidades municipais, do Sergas e mesmo do goberno autonómico, cos que asinaron diversos convenios, e así comezar coa posta en marcha do Programa de Mediadores Informativos.
De acordo a este programa, a USC forma aos seus estudantes en materia de prevención en saúde mental, consumo de drogas e relacións afectivo sexuais para que posteriormente estes colaboren como mediadores informativos nos centros universitarios. A participación neste proxecto integral, pioneiro en España, está recoñecida con créditos de libre configuración.
Deste xeito, son os propios universitarios quen, tras unhas xornadas teóricas e prácticas, informan aos seus compañeiros nos centros da USC sobre os distintos servizos que ofrecen a UMAD, o Centro de Orientación Familiar, a Unidade de Desordenes da Alimentación, a Unidade de Trastornos das Adicións ou as Unidades de Saúde Mental. A función dos estudantes é de carácter unicamente informativo sobre horarios, programas, servizos ou localización dos centros, derivando a cada un deles aos que precisen dun asesoramento profesional e cualificado.
A acción de mediación informativa nos centros organízase en base á instalación nos distintos centros dunha serie de puntos informativos sobre os recursos e servizos que as distintas unidades coas que a USC asinou convenios lles ofrecen á comunidade universitaria.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.10.2008.