Pasar al contenido principal

Abre o prazo de inscrición para as actividades deportivas organizadas no Campus de Lugo

A área de Deportes da USC abriu o prazo de inscrición das actividades deportivas que se realizarán durante todo o curso 2008-09 para alumnos do campus de Lugo. Ás clases habituais de ximnasia, taichí, ioga ou tiro con arco, súmanse este ano a hípica e a natación.
As actividades darán comezo nos primeiros días de novembro aínda que na semana do 27 de outubro ao 1 de novembro permitirase a entrada libre e gratuíta a todas elas. As inscricións poderán facerse xa na Oficina de Deportes do Campus de Lugo.
A Aula de deporte e cultura da Facultade de Veterinaria acollerá durante todo o curso clases de ximnasia de mantemento, aeróbic e steps, pilates, taichí e danza oriental dous días á semana cada unha en horario de tarde.
Ademais, no ximnasio da Piscina das Pedreiras haberá tamén ioga e relaxación, mentres que no do Pazo dos Deportes impartirase esgrima e tiro con arco. Nesta última disciplina haberá tamén cursos de iniciación e perfeccionamento durante o ano lectivo.
ConveniosAsí mesmo, a USC ten firmados convenios con outras entidades para abaratar o custo doutras actividades externas. Así, poderá practicarse pádel no Club Padel Nuestro, situado no Polígono do Ceao, unha instalación que conta tamén con ximnasio e sauna.
No Club Hípico Equs impartiranse clases de iniciación e perfeccionamento, salto e pony club podendo escoller entre unha hora ou dúas á semana. Tamén haberá cursos mensuais de tenis nas pistas municipais do Parque da Milagrosa.
A comunidade universitaria terá facilidades económicas tamén para poder participar nos cursos de iniciación e perfeccionamento de squash que se realizarán no Pazo dos Deportes, onde se formará tamén unha escola deportiva; e no uso das instalacións do Club Fluvial de Lugo para alumnos de primeiro e segundo ciclo, entre as 8:00 e as 17:00 horas.
Finalmente, a USC ten un equipo de atletismo de membros da comunidade universitaria para participar de xeito gratuíto no circuíto de carreiras Corre con Nós que organiza o Concello de Lugo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.10.2008.