Pasar al contenido principal

O reitor inaugurou o edificio CACTUS do Campus de Lugo

Senén Barro destaca un aumento do 40% en investimento para a investigación nos últimos catro anos

O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, inaugurou este mércores 11 o edificio do Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico do Campus de Lugo (CACTUS) nun acto no que se descubriu unha placa conmemorativa e se realizou un percorrido polas instalacións.
No acto participaron tamén o alcalde de Lugo, José López Orozco; o presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro; o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, e o director xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do Sistema Universitario de Galicia, Rogelio Conde-Pumpido Tourón, ademais doutras autoridades locais.
O edificio CACTUS presta un importante servizo de apoio á investigación en todo o Campus e tamén a empresas particulares. Foi construído pola empresa Ferrovial e contou cun orzamento de 3.757.660 euros, aos que hai que engadir os 753.000 que supuxo a urbanización dos terreos e o acondicionamento dos laboratorios e despachos. A obra foi financiada na súa maior parte con Fondos Feder e a colaboración económica das Consellarías de Innovación e Industria e de Educación. Os terreos foron cedidos pola Deputación provincial.
O CACTUS, situado nun lateral do aparcamento da Biblioteca Intercentros, conta cunha superficie útil de 1.989,79 metros cadrados repartidos en cinco plantas. Actualmente, acolle nas dúas superiores o Sistema de Información Territorial da USC, o Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) e a área de autoemprego e Uniemprende.
Na planta inferior está a rede de infraestruturas dos servizos xerais de investigación (RIAIDT), que conta cun total de 21 laboratorios divididos nas dúas áreas de investigación, a de agrobioloxía e a de fisquitecnal. No tempo que leva funcionando o centro, está traballando un cadro de persoal de 28 persoas, nove delas destinadas ao mantemento dos laboratorios, sete na área de CITT e autoemprego e 12 no SIT.
Este servizo da USC foi creado para atender ás necesidades dos investigadores do propio Campus lugués, xa que estes laboratorios están dotados da tecnoloxía avanzada necesaria para a realización de probas que antes era imposible realizar. Ademais, ofrece este mesmo servizo a empresas e particulares como unha forma máis de autofinanciamento.
Crecemento da investigaciónO investimento en investigación no ano 2007 no Campus de Lugo foi de 7.797.353 euros, unha cifra que supón un importante incremento á rexistrada no 2003, cando o investimento foi de 5.568.129 euros. Segundo indicou o reitor, o crecemento experimentado nestes catro anos foi do 40%, “unha cifra que seguirá aumentado”.
Neste aspecto, comentou que foi aumentando o financiamento procedente dos proxectos da Xunta, os do Plan Nacional e os contratos coa UE, que supoñen as cifras máis elevadas anualmente. Así mesmo, creceron as axudas xerais, os contratos coas empresas e os convenios coas entidades públicas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.06.2008.