Pasar al contenido principal

Guerra Civil e represión en Galicia, a auga e o medio ambiente, temas dos cursos do Campus de Verán de Sada

CURSOS DE VERÁN DA USC 2008

A Universidade de Santiago organiza no Campus de Verán de Sada tres cursos de verán, dous deles en xullo e un en setembro. O proxecto de investigación interuniversitario ‘As vítimas, os nomes e as voces’, a política de augas e o medio ambiente serán as cuestións a tratar.
O prazo de inscrición para os tres cursos xa está aberto para os que desexen realizar a matrícula de forma presencial, aínda que segue activa a opción de facelo por internet a través da web da USC. O prazo pechará dez días antes do comezo do curso que se desexe realizar.
Guerra civil e represión en Galiza‘Guerra civil e represión en Galiza: o proxecto de investigación interuniversitario As vítimas, os nomes e as voces’ é o curso que do 14 ao 18 de xullo pretende pór en valor os datos que o proxecto leva estudado ao redor do fenómeno da represión acontecida en Galiza tras o golpe de estado de xullo de 1936.
Os resultados que se presentarán fan referencia ás pescudas ao redor da fonte oral, da documentación existente en diversos arquivos de Galiza e ao procesamento de datos que se levou a cabo. Xunto a isto, compararase con proxectos similares no Estado e analizarase como a sociedade galega adopta e acepta este tipo de traballos, levando os estudos históricos á realidade universitaria galega e tamén á sociedade en xeral. Dirixen este curso Emilio Grandío Seoane, Julio Prada Rodríguez e Mª Jesús Souto Blanco.
Auga e sustentabilidadeXa do 21 a 24 de xullo terá lugar o curso ‘Auga e sustentabilidade. Enfoques para unha nova política de augas’ que, dirixido por Tomás Serafín Cuesta, pretende ser unha contribución ao uso máis racional da auga desde a perspectiva xurdida do enfoque da “nova cultura da auga”.
Abordaranse diferentes aspectos como a situación actual das masas continentais e mariñas no noso ámbito, a problemática da xestión das augas residuais nos pequenos núcleos de poboación, as relacións coa biodiversidade, os usos da auga e o cambio climático e os conflitos sociais derivados dos seus usos alternativos.
Galicia e o medio ambienteO estado actual da cuestión medioambiental en Galiza será a cuestión a tratar no curso que José Manuel Vila Abad e Susana López Estévez organizan entre o 16 e o 19 de setembro.
O enfoque será multidisciplinar e abranguerá desde a presentación dun proxecto de educación medioambiental desenvolvido actualmente pola Xunta de Galicia ata a análise do problema do cambio climático e a súa influencia na comunidade galega, a lexislación medioambiental actual, a xestión e remedación da contaminación dos diversos compartimentos medioambientais (solos, augas, atmosfera) así como o tratamento de residuos urbanos e industriais.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.06.2008.