Pasar al contenido principal

A USC impartirá este verán un curso de educación e cidadanía en Foz e outro de agroecoloxía en Ribadeo

A oferta da Mariña complétase cos dous cursos de Mondoñedo, un sobre galegos da localidade e outro de protocolo deportivo

A Mariña luguesa será o marco este verán de catro cursos que impartirá a USC na provincia fóra do Campus da capital. Ademais dos dous que se celebrarán en Mondoñedo e que xa foron presentados, un sobre os galegos de Mondoñedo e outro sobre protocolo deportivo, en Ribadeo impartirase un sobre agroecoloxía e en Foz outro sobre educación e cidadanía.
O prazo de inscrición para estes dous cursos está xa aberto vía Internet e os que desexen matricularse de forma presencial poderán facelo dende o día 11 na Oficina de Cultura do Campus de Lugo, situada no edificio da Vicerreitoría, na praza Pío XII. O prazo pechará dez días antes do comezo do curso.
A taxa xeral de matrícula é de 120 euros para os cursos de 30 ou máis horas e de 70 para os demais. Existe ademais un prezo reducido para estudantes universitarios, persoas desempregadas e PDI e PAS da USC de 70 euros no primeiro caso e de 40 para os cursos de menos de trinta horas. Por outra banda, para facilitar a súa realización a todo o que o desexe ofertáronse 230 bolsas de matrícula gratuíta.
AgroecoloxíaO curso que se desenvolverá este ano en Ribadeo leva por título ‘Agroeoloxía e desenvolvemento rural sustentábel’ e está dirixido por Xan Neira Seijo e Anna Cervera Iglesias. As clases, que representan un total de 30 horas, desenvolveranse do 15 ao 18 de xullo.
O enfoque teórico e metodolóxico da Agroecoloxía ten sido deseñado para facilitar unha análise multidimensional de calquera sistema agrario. Neste curso, de caracter divulgativo, preténdese salientar a contribución que fai esta actividade no mantemento da biodiversidade agrícola, a posta en valor das culturas locais, a protección dos recursos naturais, a redución do cambio climático, a mellora na xestión hídrica e, en definitiva, o mantemento de áreas rurais vivas.
Educación para a cidadaníaTrinta e tres horas de duración terá o curso que se impartirá en Foz, entre o 21 e o 24 de xullo co título ‘Educación para a cidadanía. Unha perspectiva histórica desde a escoliradade’, que está dirixido por Eugenio Otero Urtaza.
O curso engadirá elementos de debate e reflexión sobre a materia ‘Educación para a cidadanía’, recuperando á actualidade as súas orixes e desenvolvemento histórico, e amosando que non é un descubrimento ou innovación recente senón un ámbito curricular que posúe unha longa tradición na escola e unha traxectoria que é inseparable do desenvolvemento dos sistemas educativos contemporáneos públicos.
MondoñedoTamén segue aberto o prazo de inscrición para o curso titulado ‘Galegos de Mondoñedo’, dirixido por José Miguel Andrade Cernadas, que se impartirá no Concello de Mondoñedo, cunha duración de 15 horas, os días 14 e 15 de xullo.
Trátase dunha primeira achega ao papel xogado pola terra de Mondoñedo e as súas xentes ao longo da historia de Galiza. Mestúranse exposicións de carácter xeral e outras centradas nunha serie de persoeiros relevantes que viviron no territorio mindoniense en diferentes etapas históricas.
Vinte horas de duración terá o segundo curso que se impartirá en Mondoñedo, un Seminario de protocolo deportivo, a cargo de Eugenio A. Rodríguez Núñez, entre o 18 e o 20 de xullo.
Neste seminario abordaranse as xestións a todos os niveis das relacións institucionais no ámbito deportivo. Daranse tamén a coñecer as especificidades do protocolo en organismos deportivos e a planificación, estruturación e xestión dun departamento de protocolo, para programar e xestionar calquera evento deportivo e determinar a precedencia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.06.2008.