Pasar al contenido principal

O Concello de Mondoñedo acollerá este verán un seminario sobre protocolo deportivo e un curso sobre as personalidades locais

Os cursos de Mondoñedo foron presentados polo vicerreitor de Cultura, o alcalde da localidade, representantes das entidades colaboradoras e directores destas accións formativas
Os cursos de Mondoñedo foron presentados polo vicerreitor de Cultura, o alcalde da localidade, representantes das entidades colaboradoras e directores destas accións formativas

O concello de Mondoñedo acollerá no mes de xullo dous cursos de verán da USC, tal e como anunciaron este luns o vicerreitor de Cultura, Elías Torres, e o alcalde da localidade, Orlando González Cruz. No acto de presentación, que tivo lugar na Sala de Prensa da Vicerreitoría de Lugo, estiveron presentes tamén o delegado da Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia, Xoán Xosé Molina; o delegado da Área de Cultura e Deportes da Deputación Provincial, Antón Veiga, e o presidente da Fundación Azkar, Manuel Vázquez Corredoira. Asistiron tamén os directores e responsables dos cursos.
O prazo de inscrición para os dous cursos, un sobre os galegos de Mondoñedo e outro un Seminario de protocolo deportivo, xa está aberto para os que desexen realizar a matrícula de forma presencial, aínda que segue activa a opción de facelo por internet a través da web da USC. O prazo pechará dez días antes do comezo do curso que se desexe realizar.
A taxa xeral de matrícula é de 120 euros para os cursos de 30 ou máis horas e de 70 para os demais. Existe ademais un prezo reducido para estudantes universitarios, persoas desempregadas e PDI e PAS da USC de 70 euros no primeiro caso e de 40 para os cursos de menos de trinta horas.
Galegos de MondoñedoCo título ‘Galegos de Mondoñedo’, dirixido por José Miguel Andrade Cernadas, impartirase un dos dous cursos que este verán se celebrarán no Concello de Mondoñedo. Terá unha duración de 15 horas e impartirase os días 14 e 15 de xullo.
Trátase dunha primeira achega ao papel xogado pola terra de Mondoñedo e as súas xentes ao longo da historia de Galiza. Mestúranse exposicións de carácter xeral e outras centradas nunha serie de persoeiros relevantes que viviron no territorio mindoniense en diferentes etapas históricas.
Seminario deportivoVinte horas de duración terá o segundo curso que se impartirá en Monforte, Un Seminario de protocolo deportivo, a cargo de Eugenio A. Rodríguez Núñez, entre o 18 e o 20 de xullo.
Neste seminario abordaranse as xestións a todos os niveis das relacións institucionais no ámbito deportivo. Daranse tamén a coñecer as especificidades do protocolo en organismos deportivos e a planificación, estruturación e xestión dun departamento de protocolo, para programar e xestionar calquera evento deportivo e determinar a prededencia.
Esta actividade formativa está organizada conxuntamente coa Fundación Azkar en colaboración co propio Concello de Mondoñedo, a Deputación Provincial de Lugo, a Dirección Xeral de Deportes da Xunta de Galicia e a Fundación Deporte Galego. Está dirixido a todas as persoas interesadas na organización de actividades deportivas. Considérase de especial utilidade para responsables en política e xestión deportiva local, xerentes e xestores deportivos de concellos, de patronatos, responsables de federacións deportivas, directores deportivos e xerentes de clubes, directores de comunicación e xefes de protocolo ou axudantes, licenciados en ciencia da saúde e deporte, técnicos e estudantes universitarios. Entre os relatores do seminario figuran Juan Ángel Gato, xefe de Protocolo e Relacións Internacional do Consello Superior de Deportes, e Gerardo Correa Sánchez, vicepresidente da Escola Internacional de Protocolo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.06.2008.