Pasar al contenido principal

O conselleiro de Medio Ambiente clausurou o programa docente do Máster Oficial en Enerxías Renovables e Sustentabilidade Enerxética

O Máster Oficial en Enerxías Renovables e Sustentabilidade Enerxética celebrou este xoves 19 a súa clausura oficial nun acto no que participou o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez Fernández, acompañado do vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Máximo Plo, e da decana da Facultade de Física e coordinadora do curso, Ángeles López Agüera.
Nesta xornada, que se desenvolveu na Aula Magna da Facultade de Física, o conselleiro Manuel Vázquez pronunciou a conferencia de clausura do máster falando sobre as actuacións que a administración autonómica desenvolve en materia de medio ambiente así como sobre futuros proxectos relacionados coas enerxías renovables.
Este título oficial está estruturado en seis módulos, nos que os alumnos recibiron formación respecto dos fundamentos en enerxética; sustentabilidade; enerxía solar, biomasa e agro enerxía; enerxía eólica e outras enerxías alternativas. De xeito particular, o alumnado adquiriu un profundo coñecemento nas tres principais fontes alternativas de xeración de enerxías renovables, polo cal estará capacitado para deseñar instalacións de xeración de enerxías sobre a base da sustentabilidade enerxética e o respecto ao medio. Xunto a formación teórica o posgrao facilitou tamén un primeiro contacto coas empresas dos sector a través da participación nas prácticas profesionais.
O seu obxectivo era formar integralmente a profesionais que poidan desenvolver con total garantía a súa labor en calquera sector do I+D+i, para o que o programa abordouse dende unha perspectiva multidisciplinar, “como única vía real para comprender a realidade enerxética actual e propoñer solucións efectivas que redunden positivamente na sociedade”, sinala a profesora Agüera.
Os promotores deste posgrao oficial consideran que o seu desenvolvemento presente e futuro permitirá crear un referente nacional ao que poder acudir ou no que crear un foro de debate formativo para técnicos e profesionais que podan axudar a mellorar un sector no que, segundo os seus promotores, a demanda futura a corto e medio prazo de persoal especializado a todos os niveis vai ser moi importante.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.06.2008.