Pasar al contenido principal

A Facultade de Veterinaria de Lugo gaña o IX Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

A Universidade de Santiago e o grupo empresarial Aresa conceden o galardón, dotado con 10.000 euros

A Facultade de Veterinaria de Lugo vén de gañar o IX Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, que promove a Universidade de Santiago de Compostela e o grupo empresarial Aresa. O galardón, dotado cun diploma de mérito e 10.000 euros, será entregado en Lugo no mes de xaneiro.
O premio recoñece a traxectoria e o traballo desenvolvido polo centro lugués, que desde a súa fundación, en 1984, contribúe ao desenvolvemento económico de Galicia e ao benestar das persoas que habitan no medio rural galego en diversos ámbitos de traballo, tales como a sanidade e a produción animal; a protección e o benestar do gando; a saúde pública; o coidado medioambiental; a hixiene e a inspección dos alimentos; e a prevención de riscos e epidemias.
Tamén salienta o xurado a alta calidade da docencia que imparte, de xeito que se considera “un modelo para as facultades europeas”, tal como quedou de manifesto o pasado mes de abril ao renovar a súa certificación europea de calidade e excelencia ante a Asociación Europea de Facultades de Veterinaria (EAEVE), figurando así entre as 95 facultades de veterinaria homologadas, nunha lista integrada por centros de 34 países europeos.
Entre os factores positivos polos que a Facultade de Veterinaria de Lugo se erixe como un modelo de traballo para o resto das europeas está o esforzo realizado polos profesores na formación dos alumnos; a participación dos docentes na formación continua; a propia formación do profesorado e todos os aspectos do currículo, incluíndo as prácticas, nas que xoga un rol fundamental o hospital clínico veterinario Rof Codina, creado en 1994 e que conta entre os seus socios, ademais da propia Universidade, coas consellarías de Educación, Medio Rural, Sanidade e Medio Ambiente; a Deputación Provincial de Lugo e o Concello da cidade.
Ademais da súa participación para unha docencia de calidade, o hospital Rof Codina presta unha importante asistencia a gandeiros e propietarios de animais, cun servizo de apoio ambulante e a asistencia técnica aos veterinarios naqueles campos nos que os facultativos non se poden desenvolver axeitadamente pola falta de medios, xunto cunha colaboración coa Administración no servizo de control da saúde pública.
XuradoO xurado desta edición estivo composto polos tres membros habituais, o reitor da USC, Senén Barro Ameneiro, o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre, e o presidente do grupo empresarial lucense que da nome ao galardón, Álvaro Rodríguez Eiras. A eles sumáronse este ano o reitor da Universidade de Córdoba, José Manuel Roldán Nogueras, e o presidente da Asociación Comercial Española de Fertilizantes, Juan Pardo San Pedro.
Con esta distinción que se concede hoxe cúmprese o obxectivo do Premio Aresa de recoñecer e incentivar a investigación e o desenvolvemento, así como aquelas traxectorias persoais, empresariais ou institucionais innovadoras como elementos fundamentais para mellorar a calidade de vida, o benestar das persoas que traballan no medio rural galego e o desenvolvemento da economía rural galega.
As últimas edicións do Premio Aresa suscitaron grande interese entre a comunidade científica galega e o empresariado. O presidente da corporación lucense, Álvaro Rodríguez Eiras, decidiu que o que nacera como actuación única de mecenado se convertise nunha convocatoria de periodicidade anual.
O galardón recaeu na súa primeira edición na industria cárnica Novafrigsa (Grupo Coren), mentres no 2001 foi recoñecido o investigador Xavier Guitián Rivera, por un estudo multidisciplinar sobre a serra de O Courel. Na terceira ocasión, foi para Aula de Produtos Lácteos, centro de investigacións integrado no Instituto de Investigación e Análises Alimentarias, da Universidade de Santiago. A cuarta convocatoria foi parar a Xosé Manuel Silva Rodríguez, director xeral de Agricultura na Comisión Europea, sendo no quinto o galardón para Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega. O premio do ano 2006 correspondeulle ao programa O Agro-Labranza, da Televisión de Galicia, o do 2007 foi para o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra; e o no 2008 o premio foille outorgado a Eladio Rigueira Sobrado, propietario da empresa Queixería Casa Macán.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.12.2008.