Pasar al contenido principal

Clausúrase en Fonseca o XVII Máster de Dirección e Xestión de Comercio Exterior

O Salón Nobre do Colexio de Fonseca acolle este venres 19 a clausura do XVII Máster de Dirección e Xestión de Comercio Exterior e da I edición do Curso de Especialista en Internacionalización de PEMES e Comercio Exterior que organiza a USC coa colaboración da Xunta de Galicia.
O acto, que terá lugar ás 20:00 horas, contará coa presenza do reitor Senén Barro; do vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Máximo Pló; da directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, Helena Veiguela; e da decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, María Teresa Cancelo.
Previa á clausura, o conselleiro delegado do Grupo Caramelo, Fernando Maudo, pronunciará a conferencia ‘Crise económica e internacionalización. A grandes males, mellores remedios’. Maudo é unha das figuras máis destacadas no sector téxtil español que ten ocupado postos de alta dirección nas principais firmas de moda españolas como o Grupo INDITEX, o Grupo INDUICO-El Corte Inglés ou Coronel Tapioca.
O Máster naceu hai dezaoito anos co obxectivo de formar técnicos e directivos especializados en Comercio Exterior. Ao longo deste tempo formou a máis de cincocentos profesionais, conseguindo situarse como o segundo mellor máster de España na súa especialidade.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.12.2008.