Pasar al contenido principal

Presentáronse en Historia os libros 'A inmigración estranxeira en Galicia' e 'Inmigración estranxeira e territorio en Galicia'

A Sala de profesores da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago acolleu este martes o acto de presentación de dúas publicacións editadas pola Secretaría Xeral de Emigración e que se poden descargar integramente en galiciaaberta.com.
A inmigración estranxeira en Galicia. Identificación de comportamentos sociais e decisións territoriais a partir da opinión dos diferentes colectivos de inmigrantes é obra dos profesores da USC José Antonio Aldrey e Xosé Santos Solla, e do docente da Universidade dei lles Balears, Jesús González. Pola súa banda, este último é autor do outro libro Inmigración estranxeira e territorio en Galicia. A construción dun país social e culturalmente diverso.A inmigración estranxeira en GaliciaEste traballo pretende achegar unha axuda para un mellor coñecemento daqueles colectivos de inmigrantes dos que, aínda sendo relativamente numerosos, apenas se teñen informacións básicas que permitan aplicar políticas públicas que favorezan a integración e a adaptación a súa nova realidade. Seleccionáronse cinco grupos moi representativos do que é o actual fenómeno inmigratorio en Galicia: os andinos, con países como Colombia, Perú ou Ecuador, que conforman un dos conxuntos que máis man de obra emiten, aos que se lle engadiron Brasil e a República Dominicana; o segundo é o dos magrebís; os subsaharianos; os asiáticos, designadamente chineses e indonesios; e os europeos do leste con destaque de romaneses.
A investigación organizouse en torno á unha mostraxe representativa á que se lle aplicou un longo cuestionario que tiña por obxectivo obter un amplo coñecemento das características destes colectivos no relativo non só ao seu ámbito profesional senón tamén ao social e cultural.
Para os autores, a inmigración é unha “grande oportunidade” tamén para os galegos non só desde o punto de vista económico senón tamén cultural. Por un lado, “temos a posibilidade de aprender doutras culturas diferentes das nosas en aspectos tan variados como as tradicións, a gastronomía, a relixión e, por outro, nós tamén podemos, e debemos, mostrar as nosas singularidades que van contribuír a un entendemento e enriquecemento mutuo entre os que chegan e os que acollemos”.
A investigación pretende servir de ferramenta para coñecer mellor a estes novos membros da sociedade galega e aplicar así políticas que teñan efectos positivos. A inmigración, conclúen, “é unha realidade ante a que non podemos tapar os ollos e que debemos enfrontar de maneira directa e positiva para que contribúa no desenvolvemento de Galicia e dos galegos, das novas poboacións que veñen a vivir entre nós e dos seus empobrecidos países de orixe”.
Inmigración estranxeira e territorio en GaliciaO libro de Jesús González é o resultado dunha investigación científica sobre o fenómeno da inmigración estranxeira en Galicia, mais tamén unha reflexión sobre os cambios sociais e territoriais que está a sufrir o país como consecuencia da entrada de novas culturas, linguas e costumes. Por vez primeira na historia recente de Galicia, deixamos de estudar as consecuencias dos movementos migratorios de saída, polo tanto en clave negativa ou de perda demográfica, para centrarnos nos impactos que a distintas escalas producen os movementos de chegada.
Do estudo conclúese que con menos do 3% de poboación estranxeira, Galicia está á cola das Comunidades Autónomas españolas en canto á importancia relativa do fenómeno inmigratorio. A taxa en Galicia é algo superior á acadada por España no 2000 e parecida á de Portugal e Finlandia na actualidade. Sen embargo, o valor dado a este fenómeno en Galicia non é tanto polo volume demográfico como polo que representa de cambio de tendencia migratoria. Así, Galicia deixa de ser identificada como país emigratorio para converterse nun territorio de acollida de poboación inmigrante no contexto da globalización.
Neste sentido, afirma o autor, a pesar de que as cifras de estranxeiros son menos importantes que noutras Comunidades Autónomas, “a transcendencia do fenómeno en Galicia é superior ou a lo menos similar a outros territorios do Estado”. Sinala dous factores que axudan a confirmar esta idea como son, por un lado, que as comunidades autónomas españolas con máis alta taxa de estranxeiría na actualidade coinciden con rexións tradicionalmente receptoras de inmigrantes interiores, procedentes doutras partes de España, dende a década dos 1950. Por outro, a entrada de estranxeiros en Galicia coincide con outro fenómeno inmigratorio de carácter internacional como é a emigración de retorno. Sinalou un dato: o Padrón de habitantes do 2006 contabiliza en Galicia un total de 73.756 persoas de nacionalidade estranxeira e 96.612 habitantes de nacionalidade española nacida fóra de España.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.07.2008.