Pasar al contenido principal

O feito relixioso na actualidade, a análise en xullo na USC

CURSOS DE VERÁN DA USC 2008

‘O século XXI: un mundo “sen Deus nin relixión” ou un mundo de “exuberante relixiosidade”?’ é o título do curso de verán que os días 18 e 19 de xullo, e baixo a dirección de Victorino Pérez Prieto, terá lugar na Facultade de Ciencias da Educación de Santiago.
A xornada parte da idea de que a relixión segue a ser un elemento fundamental da persoa e a sociedade no século XXI que é necesario abordar e comprender, máis aló de realizacións violentas, antidemocráticas e reaccionarias. De aí que pretenda axudar a reflexionar e comprender mellor o fenómeno da fe, da crenza e da experiencia relixiosa.
O primeiro día do encontro, dedicado monograficamente a ‘Relixión, socioloxía, ciencia e antropoloxía’, comezará cunha reflexión sobre o estado actual da cuestión para continuar coa análise da razón científico-técnica e fe cristiá; do neoconservadurismo, postmodernidade e cristianismo de liberación; as imaxes idolátricas-opresoras de Deus no mundo actual; e a distinción entre a fe, o acto de fe, e o sistema de crenzas nas relixións. Rematará esa primeira xornada cun debate sobre a necesidade de renovar as claves sobre Deus.
O pluralismo relixioso no mundo actual centrará as sesións da segunda xornada, nas que se trataran cuestións como as relixións abrahámicas-monoteístas no mundo actual, o islam, o cristianismo, o diálogo inter-relixioso como reto ineludible das relixións no século XXI ou as solucións que se teñen dado ao problema.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.07.2008.