Inaugurado o curso de verán sobre antropoloxía organizado pola Deputación e a USC

A vicerreitora adxunta de Infraestruturas, Celia Besteiro, participou este luns na inauguración do I Curso de Verán de Antropoloxía: ‘A construción das identidades e a musealización das culturas populares’, organizado pola Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial e o Museo Provincial en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela.
O curso desenvolverase, en sesións de mañá e tarde, ata o 11 de xullo. O alumnado do curso está composto por guías e intérpretes de turismo, persoal de museos e estudantes de Humanidades, Turismo, Socioloxía, Psicoloxía, Filosofía e Ciencias da Educación. Os asistentes ampliarán os seus coñecementos sobre a antropoloxía con trece charlas e varias visitas aos diferentes museo da rede provincial.
Os relatores, coordinados polo profesor da USC Xaquín Rodríguez Campos, están especializados en antropoloxía nas súas universidades de orixe, entre as que destaca a de Barcelona, a de Lisboa, Vigo, Braga, A Coruña e Canadá.
O vicepresidente, Antón Bao, sinalou a necesidade da celebración deste tipo de cursos para que as persoas que teñen como responsabilidade ensinar, restaurar e conservar o noso patrimonio, coñezan en profundidade as súas características e peculiaridades.
Antón Bao salientou que a cultura dun pobo se estuda e se analiza, entre outros, a través da antropoloxía, afondando na nosa identidade colectiva, na nosa identidade como pobo e como nación. Antón Bao referiuse, tamén, á importancia de transmitir a propios e visitantes a riqueza do noso patrimonio histórico-artísitico “Tan importante é a tarefa dos que, co voso traballo, recuperaredes e conservaredes pezas arquitectónicas como o labor dos que transmitides á sociedade as singularidades e valores da nosa riqueza artística”.