Pasar al contenido principal

O ano 2007 foi o máis seco en Compostela dende 1973

A maior parte das precipitacións rexistráronse en febreiro, segundo datos do resumo meteorolóxico da Estación do Observatorio Astronómico 'Ramón María Aller' da USC

O 2007, con 1.204,4 litros por metro cadrado, resultou o ano máis seco en Santiago de Compostela dende 1973, cando se rexistraron 1.115,9 l/m2. Polo mesmo motivo, cómpre destacar 1992 con 1.396,7 l/m2, 2004 con 1.401,4 l/m2 e 2005 con 1.404,8 l/m2. Os datos forman parte do resumo meteorolóxico de 2007 elaborado na Estación do Observatorio Astronómico ‘Ramón María Aller’ da USC.
Segundo este documento, en 2006 contáronse mil litros máis que en 2007 aínda que o número total de días con precipitacións fose semellante nos dous anos. Así, o ano pasado choveu durante 172 días e en 2006 só durante unha xornada máis. Esta curiosidade débese a que se computan os días nos que chove máis de 0,1 l/m2 nalgunha das vinte e catro horas.
O 13 de febreiro foi o máis chuvioso con case 60 litros por metro cadrado e, en todo o ano, só houbo oito días con máis de 30 l/m2. En 89 xornadas recolléronse menos de 5 litros e durante 18 días as precipitacións foron inferiores a 0,1 l/m2. En xeral, non choveu en 193 días que equivalen ao 52,9 por cento do ano.
O ano 2007 foi atípico xa que os meses tradicionalmente chuviosos, como abril, novembro e decembro, non o foron. Febreiro rexistrou a maior cantidade de precipitacións, con 292,3 l/m2, seguido de marzo con 152,2 l/m2. Pola contra, outubro sorprendeu con só 2,6 l/m2 en cinco días, un fito histórico.
En xeral, a media de precipitacións nos últimos 20 anos en Santiago é de 1.857,6 l/m2, segundo as medicións feitas co pluviómetro manual do Observatorio que, segundo José Ángel Docobo, permite obter datos moito máis precisos que os ofrecidos por un automático, especialmente nos días con altas intensidades de precipitación.
TemperaturasPolo que respecta ás temperaturas, a máxima do ano tivo lugar o 30 de xullo ás cinco da tarde con 33º3, e a mínima durante o amencer dos días 17 e 18 de decembro con 1º3 baixo cero. En total, nove foron as xornadas cunha temperatura superior aos 30º, mentres que a mínima estivo por debaixo dos 0º en sete ocasións. A noite máis quente sucedeu o 28 de xullo cando o termómetro non baixou dos 18º6.
InsolaciónOs heliógrafos do Observatorio Astronómico da USC mediron en 2007 un total de 2.168 horas e 45 minutos de Sol, o que supón un 49,5 por cento das horas posibles. Este rexistro, segundo José Ángel Docobo, supera a media dos últimos 15 anos, situada no 45,6 por cento.
Deste xeito, en 2007 contabilizáronse 121 xornadas nas que o Sol brillou entre seis e nove horas, 69 entre tres e seis e 40 días nas que o astro non se deixou ver en Compostela, cifra que se sitúa moi por debaixo da media dos últimos anos coa excepción de 2006.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.12.2007.