Renato Spencer e Café Caxaça inauguran as Noites Musicais da Condesa
A Bolsa de Música da Residencia Universitaria Monte da Condesa pon este mércores en marcha un ciclo de concertos que leva por nome ‘As Noites Musicais da Condesa’. O primeiro destes, que terá lugar ás 22:00 horas na Sala da Columna da Residencia, correrá a cargo de Renato Spencer e Café Caxaça, que amosarán unha faciana variada da cultura musical centrada nos ritmos do Brasil.
O brasileiro Renato Spencerestudou no Conservatorio Pernambucano de Música e Percusión de Recife con Erasto Vasconcelos. Formou parte dos grupos ‘Forró no Chão’ (música popular do nordeste de Brasil de carácter rural) e ‘MPB Unicap’ (urbano: bossanova, chorinho, samba, samba-reggae). Funda así mesmo o grupo de monicreques ‘Alegría do Molengo’ co que realiza unha xira por Galicia e o Norte de Portugal en 1990. No ano 2002, co seu regreso a Vigo, actúa con varias formacións en festivais e pubs, realizando co grupo galego ‘Na virada’ a xira de presentación do álbum Rolada das Cantigas.
En 2005 forma o grupo ‘Café Caxaça’, onde se atopan músicos brasileiros e galegos cunha mestura repleta de variados e cálidos ritmos e sonoridades. A enerxía de Renato Spencer como vocalista e a súa alegría no escenario fan que cada concerto se converta nunha festa da boa música. A formación complétana Edu Areal ao baixo, Serginho Sales nos teclados e Peter na percusión.
No concerto deste mércores interpretarán temas de bossa-nova, samba, forró ou baião, de autores como Caetano Veloso, Chico Buarque, Gilberto Gil, Alceu Valença, ademais de reivindicar a nova xeración de músicos formada por figuras como Chico César, Lenine, Marisa Monte, Zeca Baleiro ou Carlinhos Brown, entre outros.