Inauguración da exposición 'O debuxo por diante'
A Igrexa da Universidade, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o Auditorio de Galicia e a Fundación Eugenio Granell son as catro sedes expositivas da mostra ‘O debuxo por diante’ que este martes, día 13, abre as súas portas co obxecto de facer visible a presenza troncal e relevante do debuxo na arte contemporánea.
Kiko da Silva, Monse Cea e Eduardo Valiña son os comisarios da mostra que conta con dous grandes eixos, Vasos Comunicantes, que se desenvolverá nas salas da Fundación Granell, CGAC e Igrexa da Universidade, permitindo ver unha selección de obras das institucións participantes; e Por fora do papel, que recolle proxectos específicos realizados para esta exposición e para espazos concretos.
A inauguración oficial terá lugar ás 17:00 horas no Parque da Música do Auditorio de Galicia nun acto no que intervirán o director do CGAC, Manuel Olveira; a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo; o alcalde da cidade, Xosé Antonio Sánchez Bugallo; o vicerreitor de Cultura da USC, Elías Torres; o concelleiro de Cultura, Nestor Rego; e Monse Cea en representación dos comisarios da exposición.
Tras o propio acto inaugural, ás 17:30 horas comezarase un percorrido polas sedes da exposición acompañados dos comisarios e os propios artistas. Así, comezará co proxecto de Rubén Santiago no Parque da Música para continuar na Fundación Granell visitando o proxecto específico de Ignacio Uriarte, na Igrexa da Universidade o de Mauro Trastoy, na Zona “C” (sala expositiva de San Domingos de Bonaval) o de Juan Carlos Bracho e, por último, o proxecto específico de Irene Van de Mheen no CGAC.