Pasar al contenido principal

Aberto o prazo de inscrición para o curso 'Situación dramática e estilos interpretativos' que imparte o director Quico Cadaval

A Vicerreitoría de Cultura da USC abriu o prazo de inscrición para o curso ‘Situación dramática e estilos interpretativos: teatro para dous ou múltiplo de dous’ impartido polo actor, guionista e director Quico Cadaval. As clases comezarán o vindeiro 28 de abril e desenvolveranse os sábados en horario de 10:00 a 15:00 horas na Aula de Teatro e Danza situada na Facultade de Veterinaria. O prazo de matrícula permanecerá aberto ata o 30 de marzo ou ata completar o total de 16 prazas.
O curso, que é eminentemente práctico, pretende familiarizar ao alumnado coa situación e dotalo de instrumentos actorais á hora de afrontar unha escena. Os participantes traballarán en parellas determinadas situacións nas que se abordarán escenas de amor, desamor, sospeita ou conspiración, entre outros.
Os alumnos que realicen dous cursos monográficos da Aula de Teatro neste curso académico recibirán un crédito de libre configuración.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.03.2007.