Pasar al contenido principal

O Festival Internacional de Teatro lembra en Lugo as representacións de marionetas nas Misións Pedagóxicas Republicanas

As actividades inclúen unha exposición con visitas guiadas, unha conferencia e unha representación

O Festival Internacional de Teatro Universitario da USC en colaboración con Lugo Cultural e a Sociedade Estatal de Conmmemoraciones Culturales, inclúe no seu programa de Lugo un apartado específico para o teatro de marionetas. Unha exposición e unha obra con conferencia explicarán a importancia deste tipo de representacións para as Misións Pedagóxicas.
Entre as actividades previstas inclúese unha exposición no Centro de Artesanía e Deseño da cidade na que, ata o vindeiro 2 de maio, a compañía Monicreques amosa o proceso de creación dunha marioneta e a súa evolución dende 1979. O horario de visitas para percorrer a mostra ‘ Facendo teatro con marionetas’ é de 10:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:00 horas e existe a posibilidade de organizar visitas guiadas.
Trátase dunha exposición antolóxica na que se recolle a evolución dos espectáculos da compañía como mostra representativa da historia contemporánea do teatro con marionetas en Galicia. Nela poderemos ver o proceso de creación dunha marioneta mediante diferentes técnicas e estilos e tamén a ambientación dos bonecos como personaxes teatrais situados nun contexto escénico determinado.
No marco desta exposición e con motivo de lembrar as representacións teatrais propias das Misións Pedagóxicas Republicanas, a compañía Monicreques ofrece o vindeiro luns, día 26, ás 18:00 horas no Círculo das Artes de Lugo, a peza de Rafael Dieste ‘A doncela guerreira’.
Tras a exhibición, o profesor da USC Uxío Otero impartirá o relatorio ‘Romances, guiñol e teatro nas misións pedagóxicas’, no que se explicará como colaboradores misioneros, entre eles Rafael Dieste, Ramón Gaya ou Urbano Lugrís, trataban de chegar á xente das aldeas a través das representacións con marionetas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.03.2007.