A Xunta de Galicia e as tres Universidades galegas promoven a práctica deportiva
Potenciar a práctica deportiva entre os membros da comunidade universitaria é o obxectivo do convenio que, promovido pola Vicerreitoría de Cultura da USC, asinaron a Consellaría de Cultura, a través da súa Dirección Xeral para o Deporte, e as tres Universidades galegas. No acto participaron a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo; o director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez; e os reitores da USC, A Coruña e Vigo, Senén Barro, José María Barja e Alberto Gago, respectivamente.
Deste xeito, as tres Universidades xunto coa Dirección Xeral para o Deporte comprométense para os vindeiros tres anos a realizar conxuntamente actividades e eventos deportivos, publicacións e traballos de investigación e colaborarán na cesión de instalacións. A primeira actuación deste convenio concretouse xa no apoio aos X Campionatos Galegos Universitarios que se están a desenvolver nos sete campus, durante os meses de marzo, abril e maio. Ademais, equipos de investigación da universidade de Compostela e de Vigo realizarán un proxecto de análise da realidade deportiva de Galiza, emntres que representantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra están xa a organizar a I Xornada de Deporte e Muller que se celebrará este martes en Vigo.
Na presentación, a conselleira subliñou a importancia do convenio para que desapareza “a fenda que existe entre o deporte na educación secundaria e a Universidade". A conselleira quixo destacar "o traballo de investigación en tres liñas para nós fundamentais: o deporte federado escolar, a análise dos investimentos públicos en deporte e o deporte feminino".
Pola súa banda, para Senén Barro, quen considera que "somos tres universidades comprometidas de forma absoluta co deporte”, este convenio é unha vía para estender o deporte á sociedade. O reitor da Universidade da Coruña manifestou o seu agradecemento á conselleira por colaborar "no fomento do deporte universitario, que ten un diferente desenvolvemento pero que cada vez o fai con máis forza", mentres que Alberto Gago salientou do acordo " o valor que ten cara o futuro, porque nos permitirá colaborar tanto en actividades deportivas coma en proxectos de investigación ".