Pasar al contenido principal

O cantautor Tino Baz ofrece na Residencia Universitaria Monte da Condesa un concerto didáctico sobre a historia musical galega

O cantautor Tino Baz ofrecerá este mércores, día 28, na Residencia Universitaria Monte da Condesa un concerto didáctico sobre a historia musical galega. Trátase dunha actividade que se vai celebrar na Sala da Columna da residencia a partir das 22:30 horas organizada polas Bolsas de Bibliotecas, Música e Actividades Socioculturais do centro en colaboración coa Vicerreitoría de Cultura da USC.
Nesta sesión, o músico proporá diversas pezas dos tempos xa idos e interpretará composicións que están de plena actualidade, sen perder de vista o pasado común do pobo galego, ademais de executar na zanfona pezas que abeiraron os soños de todos algunha vez.
Xunto ás interpretacións instrumentais, cantará poemas de diversos poetas galegos que el mesmo musicou e entre os que se atopan Bernardino Graña, Méndez Ferrín, Manuel María, Xela Arias ou Elvira Ribeiro. Mesmo entoará algunhas das súas composicións, que o converten nun dos máis importantes representantes da canción de autor nestes tempos. Tino Baz, continuador e herdeiro da tradición musical de Suso Vaamonde con fondas raíces na música popular galega, posúe unha das voces máis profundas da canción galega.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.03.2007.