Pasar al contenido principal

A ferramenta bioinformática empregada no caso do 11-M e elaborada pola USC será de libre acceso a partir de outubro

A ferramenta bioinformática utilizada no caso de 11-M e desenvolta polo equipo de bioinformática do Departamento de Análise Matemática da USC será de libre acceso a través da universidade a partir do mes de outubro. Mentres tanto, este grupo de especialistas xa está a traballar en colaboración co Instituto de Medicina Legal na elaboración dunha nova versión deste instrumento.
Esta aplicación informática creada por científicos da USC permitiu deducir, cun porcentaxe de case o 100 por cen de fiabilidade, que a mostra de ADN obtida da mochila de Vallecas con motivo do 11-M pertencía a unha persoa de orixe europea e non magrebí.
Ademais deste logro, este equipo de matemáticos vén de desenvolver outra ferramenta bioinformática que xa serviu para a construción do mapa xenético do rodaballo realizado polo grupo de investigación de Xenética e Aplicacións en Clínica, Mellora e Conservación da USC. Este instrumento empregouse tamén na identificación de xenes desta especie relacionados coa resistencia a patoloxías grazas a construción dun microarray. Na actualidade, estes logros utilízanse no eido industrial co fin de conseguir reprodutores de rodaballo resistentes a certas enfermidades.
O equipo de bioinformáticaCo dirixido polos profesores José A. Álvarez Dios e Antonio Gómez Tato, o equipo de bioinformática da Universidade de Santiago ten como principal obxectivo contribuír ao uso das matemáticas e a bioinformática nas investigacións xenómicas.
Por iso, ademais do seu labor investigador, este equipo tamén ofrece servizos de análise de datos de tipo xenómico e fomenta a divulgación da bioinformática mediante a organización de cinco cursos de verán e impartindo materias sobre a cuestión en diversos masters e programas de doutoramento.
Así, a Facultade de Matemáticas da USC acollerá durante o vindeiro mes de setembro o obradoiro titulado ‘Curvature and variational modelling in Physics and Biophysics’ no que investigadores bioinformáticos explicarán os estudos dos modelos xeométricos de biomembranas e vesículas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.08.2007.