Directores e decanos de centros galegos nos que se imparte Relacións Laborais analizan en Santiago a adaptación desta titulación ao Espazo Europeo de Educación Superior
Directores e decanos dos centros galegos nos que actualmente se imparten os estudos de Relacións Laborais reuniranse este venres, día 26, na Escola Universitaria de Santiago para analizar, entre outros asuntos, a actual situación destes estudos de cara á súa transformación a titulacións de grao adaptadas ás demandas do Espazo Europeo de Educación Superior.
No encontro, que comezará ás 11:00 horas na Sala de Profesores da escola compostelá, tratarase ademais a creación dunha Comisión de Estudo do Grao en Relacións Laborais e dunha asociación de centros e profesores de titulacións relacionadas co ámbito laboral. Na mesma xuntanza, outro aspecto a tratar será a transformación das actuais escolas en facultades de Relacións Laborais.