Pasar al contenido principal

O concerto de Xúa en Ciencias e máis cine asturiano na EPS dan continuidade o mércores á programación de Lugo Cultural

A programación de outono de Lugo Cultural, que deu comezo esta semana, continuará este mércores 21 con máis cine e un concerto.
No apartado musical, continúa o ciclo Lubicán que ten a función de achegar as músicas máis independentes aos lucenses, utilizando moitas veces formacións non habituais no panorama musical. O concerto do mércores será ás 21:00 horas, na Facultade de Ciencias e nel o grupo Xúa presentará o seu traballo.
Este grupo está formado por cinco músicos de dilatada experiencia no mundo do folc e doutros estilos. Neste traballo conviven en harmonía a música tradicional e as composicións propias. A raigame da súa música xurde da tradición galega e da composición propia utilizando as letras das cantigas na súa orixe.
Durante o verán, o grupo Xúa foi un dos seleccionados na programación cultural Vai de Camiño, que ofertou concertos musicais por toda a xeografía galega. Os interesados en coñecer máis información sobre este grupo poden facelo en http://www.myspace.com/xuamusica ou http://www.sonsgaliza.com.
O programa de outono de Lugo Cultural continúa o mércores tamén coa segunda sesión do ciclo Cine...con Asturias. Na Escola Politécnica Superior proxectaranse nove curtos máis, dende as 15:30 horas e, ás 17:00 horas, ‘La Regenta’, de Gonzalo Suárez.
A totalidade do programa de Lugo Cultural, pode consultarse na súa web, www.lugocultural.es, que pode visitarse xa en Internet.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.11.2007.