Pasar al contenido principal

As Facultades de Ciencias celebraron o seu patrón San Alberte Magno

A catedrática Josefa Yzuel pronunciou unha conferencia sobre a óptica na física e na tecnoloxía

As Facultades de Matemáticas, Bioloxía, Ciencias, Física e Química celebraron este venres a festividade do seu patrón San Alberte Magno nun acto conxunto que tivo lugar na Facultade de Física baixo a presidencia do reitor compostelán. Á cerimonia asistiron ademais o director xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do SUG, Rogelio Conde-Pumpido; e os decanos das Facultades de Física, Química, Bioloxía, Matemáticas e Ciencias, os profesores María Ángeles López, Ramón Estévez, Jaime Gómez, Juan Viaño e Francisco Fraga.
A catedrática de Óptica da Universidade Autónoma de Barcelona Mª Josefa Yzuel Giménez foi a encargada de pronunciar a conferencia ‘A óptica na física e na tecnoloxía’ na que disertou sobre as relacións entre ciencia e tecnoloxía, en particular dende a súa longa e frutífera experiencia no eido físico da óptica. Entre outros, Josefa Yzuel ostenta a presidencia da Sociedade Internacional de Enxeñaría Óptica e a vicepresidencia da Real Sociedade Española de Física e do seu Grupo de Mulleres en Física.
Josefa Yzuel falou na conferencia de como a óptica, como un dos piares da Física, contribuíu e segue a contribuír ao desenvolvemento teórico e aplicado da ciencia e viceversa. Explicou así mesmo como desenvolve conceptos e técnicas aplicables a campos tan variados como as tecnoloxías da información e as comunicacións, a bioloxía e a medicina, os novos equipos para a fabricación e control industrial, a astrofísica ou a microscopía.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.11.2007.