Pasar al contenido principal

A USC leva recadados máis de seis mil euros para proxectos solidarios en Guatemala, Haití, O Congo e Xerusalén

A V Olimpíada Solidaria, que permuta horas de estudo en bibliotecas da USC por euros, rematará o 7 de decembro

Na V Olimpíada Solidaria que a USC puxo en marcha hai pouco máis de dez días lévanse xa recadados un total de 6.514 euros, que se destinarán a proxectos en Guatemala, Haití, O Congo e Xerusalén. Ata o 7 de decembro continuarán permutándose horas de estudo en bibliotecas universitarias por euros para estes proxectos.
Na edición desenvolvida no pasado curso académico, só as horas de estudo dos estudantes da USC permitiron reunir preto de 10.000 euros, unha cifra que á vista do xa acadado se incrementará nesta quinta convocatoria. Nestes dez días de campaña computáronse un total de 6.514 horas, das que 352 foron no Campus de Lugo. Ata o de agora o centro con máis horas é a Biblioteca Xurídica Concepción Arenal.
Tanto en Santiago como en Lugo habilitáronse varias salas de estudo. En Compostela os universitarios poderán participar na Olimpíada nas bibliotecas das facultades de Ciencias da Educación, Económicas, Ciencias da Comunicación, Xeografía e Historia, Filosofía, Química, Ciencias Políticas e Sociais, Matemáticas, Física, Psicoloxía, na Escola Técnica Superior de Enxeñaría e nas bibliotecas Xeral e Concepción Arenal. En Lugo, habilitáronse aulas na Biblioteca Intercentros, na Facultade de Veterinaria e na Escola de Formación do Profesorado.
O mecanismo para facer o cómputo final de horas lévase a cabo mediante a Tarxeta Universitaria de Identidade (TUI), que se será preciso pasar polo ordenador preparado ao efecto cando a persoa entra e cando sae da sala de estudo ou biblioteca na que vai estudar. Non se computarán períodos superiores ás tres horas consecutivas de estadía no local.
Proxectos solidariosO diñeiro acadado nesta olimpíada destinarase a financiar un proxecto de capacitación profesional das mulleres maias do Altiplano en Guatemala; ao equipamento de talleres técnicos das catro escolas ‘Mains Ouvertes’ de Haití; a construír a escola infantil ‘Minzoto’ para nenos e nenas da poboación de Kinshasa (O Congo); e a equipar e capacitar o colexio Nosa señora do Pilar en Xerusalén, onde ademais se construirá un centro cultural.
A Olimpíada está organizada polo Servizo de Participación e Integración Universitaria da Vicerreitoría de Comunidade Universitaria e
Compromiso Social da USC en colaboración coas ONGs Fundación Coopera e Cooperación Internacional. Baixo o lema ‘Non hai axuda pequena’, nesta campaña o recadado será doado polas empresas e institucións patrocinadoras para os devanditos proxectos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.11.2007.