Pasar al contenido principal

Inauguradas en Económicas unhas xornadas sobre discapacidade e vítimas da violencia de xénero en Galicia

Inauguradas en Económicas unhas xornadas sobre discapacidade e vítimas da violencia de xénero en Galicia
Inauguradas en Económicas unhas xornadas sobre discapacidade e vítimas da violencia de xénero en Galicia

Con motivo da celebración o 25 de novembro do Día internacional para a eliminación da violencia cara á Muller, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC organiza esta semana as xornadas ‘Discapacidade e Violencia de Xénero en Galicia’, inauguradas este xoves no Salón de Graos do centro.
As xornadas pretenden abordar ata o venres 23 a relación entre discapacidade e vítimas da violencia de xénero en Galicia dende unha perspectiva ampla e global, escoitando ao maior número de persoas ou entidades implicadas na consecución da erradicación desta problemática social. Para iso contarase coa presenza de expertos de prestixio e representativos das institucións públicas e privadas galegas e españolas máis involucradas nesta materia.
Patrocinado pola Obra Social Caixa Galicia, o encontro diríxese a todas aquelas persoas ou colectivos interesados nesta área e principalmente aos profesionais e asociacións que traballan con mulleres discapacitadas vítimas da violencia de xénero.
ProgramaLogo da apertura, Fuenciscla Ladrón, representante do Ministerio Fiscal, pronunciou a conferencia inaugural ‘Violencia, muller e discapacidade en Galicia’ na que analizou o concepto, evolución e incidencia da violencia de xénero sobre as persoas con discapacidade en Galicia.
A xornada matinal do xoves continuou con dúas mesas redondas, unha primeira na que representantes da Xunta de Galicia e de diversas federacións de asociacións de discapacitados analizaron a cuestión de maneira xenérica, e outra sobre os aspectos xurídicos destes conflitos. ‘Autores e vítimas de delitos en situación de discapacidade’ é o título da conferencia coa que dá comezo a sesión da tarde, na que ademais se desenvolve unha mesa redonda na que se explicarán protocolos de actuación.
O encontro continuará este venres 23 con dúas mesas de debate sobre as mulleres discapacitadas en situación de risco especial e as novas tecnoloxías e comunicación. A responsable de Relacións Institucionais de Amnistía Internacional en Galicia, Yolanda Román, será a encargada de pechar as sesións coa presentación dunha proposta do Plan Galego de Dereitos Humanos e Violencia de Xénero. Xa ás 13:00 horas darase lectura ás conclusións do encontro.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.11.2007.