Pasar al contenido principal

O Seminario Vidal Abascal reinicia as súas sesións cunha conferencia sobre espazos tridimensionais

A catedrática de Xeometría e Topoloxía da Universidade de Zaragoza, María Teresa Lozano Imízcoz, será a encargada de impartir, este xoves 8, a sesión inaugural do Seminario Vidal Abascal correspondente ao presente curso que organiza o Departamento de Xeometría e Topoloxía. No reinicio da actividade do seminario, pronunciará a conferencia ‘Espazos tridimensionais: topoloxía e xeometría’ nun acto que terá lugar ás 16:30 horas no Salón de Graos da Facultade de Matemáticas.
Na charla preséntase un panorama do estudo dos espazos ou variedades tridimensionais, explicando os métodos topolóxicos de construción e os métodos xeométricos utilizados máis recentemente. Tras recordar o Teorema de Xeometrización de Thurston, que inclúe a solución da Conxectura de Poincaré, verase cal é situación actual no problema da clasificación das 3-variedades.
María Teresa Lozano Imízcoz é unha recoñecida especialista no estudo topolóxico e xeométrico dos espazos tridimensionais, sendo a primeira muller que ocupou unha Cátedra de Xeometría e Topoloxía en España. Ademais, é unha das poucas mulleres que pertence, como académica correspondente, á Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais.
Ten publicados numerosos traballos de investigación en revistas coma Bulletin of the American Mathematical Society, Bulletin of the London Mathematical Society, Inventiones Mathematicae, Journal of the London Mathematical Society, Mathematical Proceedings of the Cambridge Philosophical Society, Pacific Journal of Mathematics, Proceedings of the American Mathematical Society, Topology ou Transactions of the American Mathematical Society.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.11.2007.