Pasar al contenido principal

O libro 'Del Documento escrito a la Evidencia Material. Actas del I Encuentro Compostelano de Arqueología Medieval' presentouse en Xeografía e Historia

A publicación presentouse na Sala de Profesores da Facultade de Xeografía e Historia
A publicación presentouse na Sala de Profesores da Facultade de Xeografía e Historia

O libro Del Documento escrito a la Evidencia Material. Actas del I Encuentro Compostelano de Arqueología Medieval presentouse este martes na Sala de Profesores da Facultade de Xeografía e Historia nun acto ao que asistiron os coordinadores da obra Mercedes López-Mayán Navarrete e Carlos Galbán Malagón, representantes da editorial Lóstrego e o profesor da USC Domingo L. González Lopo, membro da Comisión Cultural da Facultade de Xeografía e Historia.
O libro recolle as conferencias presentadas no I Encontro Compostelán de Arqueoloxía Medieval que se celebrou na Facultade compostelá o pasado ano 2006. Estas actas pretenden ofrecer unha obra sintética que permita dispoñer nun achegamento sinxelo dun panorama global e representativo acerca do estado da disciplina en Galicia e dos rasgos e alcances das diversas liñas de investigación que se están desenvolvendo, así como das múltiples problemáticas ou iniciativas investigadoras que se comentaron nas sesións do encontro.
A obra aglutina nun mesmo espazo os múltiples interrogantes e as acuciantes expectativas que os conferenciantes e asistentes manifestaron arredor dos temas propostos. Neste senso, os coordinadores do volume estiman que a arqueoloxía medieval non debe considerarse como un campo de estudo autónomo da historia, “non debe converterse na mera transposición dunha metodoloxía xa probado a un período histórico diferente”.
Ademais, apuntan os investigadores, a dispersión das intervencións que se veñen realizando ao fío das remodelacións urbanísticas nos centros históricos, que teñen sacado á luz gran cantidade de restos do pasado medieval galego, redunda na falla de difusión e comunicación dos resultados puntualmente obtidos e na súa escasa utilidade en aras de construír un coñecemento global do período medieval galego.
No seu conxunto, a arqueoloxía medieval converteuse nunha disciplina en boga e que se presenta como un campo de investigación de amplas posibilidades e proxección futura, “máxime cando Galicia posúe un importante patrimonio arqueolóxico medieval cuxa investigación e difusión enriquecería considerablemente o coñecemento”, apuntan os coordinadores da publicación.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.10.2007.