Pasar al contenido principal

A USC presenta nunhas xornadas os resultados do proxecto 'Detección de problemas de conduta de inicio temperán'

A USC presenta este venres 19 e o sábado 20 nunhas xornadas os resultados do proxecto ‘Detección de problemas de conduta de inicio temperán’ desenvolvido pola Unidade de Investigación en Prevención e Tratamento de Problemas de Conduta (UDIPRE) durante o pasado curso dirixido a nenos en idade escolar que presentan problemas comportamentais e no que participaron, xunto aos propios rapaces, os seus profesores e familias.
As ‘Xornadas sobre intervención ante problemas condutuais de inicio temperán’, que serán inauguradas ás 16:30 horas na Facultade de Psicoloxía, profundarán no coñecemento sobre esta problemática na infancia e na relevancia da prevención de problemas de conduta nos nenos de cara á súa traxectoria futura. No encontro, no que colabora o Concello compostelán, a Fundación María Jose Jove e a Consellaría de Sanidade, daranse as claves para identificar claramente as características propias dos nenos con Trastorno de Déficit de Atención con Hiperactividade (TDAH) e coñecer a influencia do ambiente familiar, escolar e social nos problemas de conduta infantís.
InauguraciónO acto inaugural contará coa asistencia da presidenta da Fundación María José Jove, Felipa Jove; a directora xeral de Innovación Educativa, María José Pérez; o subdirector xeral de Saúde Mental e Drogodependencias, Víctor Pedreira; e a coordinadora da Unidade de Investigación en Prevención e Tratamento de Problemas de Conduta (UDIPRE), Ángeles Luengo.
A continuación, a catedrática da Universidade de Barcelona María Forns pronunciará a conferencia ‘Avaliación e diagnose do TDAH e do trastorno de conduta na infancia’. A xornada completarase cunha mesa redonda sobre as demandas en métodos de intervención dende o sistema sanitario en casos de TDAH e trastorno de TDAH.
Programa do sábadoA sesión do sábado 20 comezará ás 9:30 horas cunha mesa redonda sobre o papel da Administración fronte ás necesidades educativas especiais de escolares que presentan problemas de conduta. Deseguido, o catedrático da Universidade de Murcia Francisco Javier Méndez Carrillo falará nunha conferencia dos tratamentos eficaces para o TDAH, o que dará lugar a un debate posterior sobre o movemento asociativo relacionado con este trastorno.
Xa pola tarde, a partir das 16:30 horas, celebrarase a última mesa redonda na que se explicará o Programa EmPeCemos, unha iniciativa que implica a nenos, pais e profesores na intervención sobre problemas condutuais de inicio temperán.
UDIPREA Unidade de Investigación en Prevención e Tratamento de Problemas de Conduta, coordinada pola catedrática da USC María Ángeles Luengo, está formada por un equipo de profesores e investigadores da Facultade de Psicoloxía especializados na prevención de condutas problemáticas durante a infancia e a adolescencia.
Os comportamentos agresivos, a violencia no contexto escolar, o consumo de drogas e a delincuencia son problemas que afectan a nenos e adolescentes, dificultan a convivencia familiar, escolar e social e xeran unha fonda preocupación na sociedade actual. O obxectivo do grupo é ofrecer á comunidade unha serie de servizos para que pais, profesores e distintos profesionais preocupados pola saúde e o benestar social dos nenos e os adolescentes poidan responder de forma eficaz ás demandas e dificultades que se lles presenten.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.10.2007.