Pasar al contenido principal

Numerosas empresas colaboran coa USC no POP en Enerxías Renovables e Sustentabilidade Enerxética

O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, asinou un convenio de colaboración con once empresas e a Facultade de Física para a realización da primeira edición do Programa Oficial de Posgrao (POP) en Enerxías Renovables e Sustentabilidade Enerxética, cuxo Máster inaugurouse hoxe nun acto celebrado no Parlamento de Galicia presidido pola súa presidenta, Dolores Villarino. Trátase do Máster oficial que máis demanda ten de todos os que oferta a Universidade de Santiago.
O convenio asinárono en San Xerome o administrador de AA Solar Fotovoltaica SL, Alfredo Llecha; a directora rexional de Calidade, Medio Ambiente e Prevención de Riscos Laborais de Appluscorp, María Louzao; o director xeral de Ariema, Rafael Luque; o director de CIS Madeira, Francisco Pedras; o subdirector técnico de Isofoton, Oscar Perpignan; o xerente de Itega, José Luis Iglesias; o director de NEP, Manuel Loureiro; o presidente executivo de Sogama, José Álvarez; o xerente de Sumisal, Javier del Valle; o director xeral de I+D de Ferroatlantica, Javier Bullón; ademais da decana da Facultade de Física e coordinadora do Máster, Ángeles López Agüera.
O acordo establece as bases de colaboración entre cada entidade e a Universidade nos eidos investigador e de emprendemento así como no referido a prácticas dos alumnos nas empresas, co obxecto de completar a súa formación mediante o estudo e análise das actividades que nelas se realizan.
Os alumnos que participen nestas actividades serán seleccionados conxuntamente pola USC e a empresa de entre os alumnos matriculados no curso. Pola súa banda, as entidades colaboradoras facilitarán os medios adecuados para a realización dos traballos de investigación e estudo que se lle encomenden ao alumno como parte da súa formación no posgrao.
Inauguración do MásterNa apertura do Máster en Enerxías Renovables e Sustentabilidade Enerxética que tivo lugar hoxe no Parlamento de Galicia e ao que acudiron todos os alumnos interviron o vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Máximo Plo, e a decana da Facultade de Física da USC. Deseguido, o director do Grupo de Cooperación de Sistemas Fotovoltaicos do Instituto de Enerxía Solar da Universidade Politécnica de Madrid, Eduardo Lorenzo Pigueiras, pronunciou a conferencia inaugural.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.10.2007.